A Xunta activa o novo sistema de autorizacións para visitar as Illas Cíes a partir de xullo

Este novo sistema convivirá ata esa data co que xa estaba en vigor

Usuarios esperando en Vigo para embarcar cara as Cíes. AEP
photo_camera Usuarios esperando en Vigo para embarcar cara as Cíes. AEP

A Xunta activou este venres o novo sistema de autorizacións integrado coas navieiras para emitir os permisos que permitirán visitar as Illas Cíes a partir do 1 de xullo. Este novo sistema convivirá ata esa data co que xa estaba en vigor, pois durante o mes de xuño só se poden visitar as illas en fins de semana.

Así o trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, nun acto celebrado este venres, onde explicou que o novo sistema é "moi similar" ao implantado desde Semana Santa, baseado nunha autorización personalizada, aínda que agora pasa a estar tecnoloxicamente integrado coas navieiras e simplifica os pasos necesarios para poder viaxar.

Desta forma, co novo sistema, activado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), os visitantes a Cíes seguirán tendo que completar unha solicitude a través da web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, pero agora recibirán unha prereserva gratuíta.

Esta preautorización terá validez durante dúas horas, condicionada a que o usuario adquira o billete a algunha das navieiras autorizadas. Así, se se adquire o billete nese prazo, emitirase a autorización definitiva, e en caso contrario a prerreserva perderá a súa validez.

Este sistema convivirá co anterior ata o 30 de xuño. Así, para as fins de semana deste mes, os visitantes deberán completar a solicitude de autorización coa que poderán adquirir o seu billete. Este sistema anterior quedará inhabilitado a partir do 1 de xullo, momento no que só se poderán adquirir autorizacións coa nova ferramenta.

TAMÉN MANTÉN OS CONTROIS. Díaz destacou que este é un proceso telemático "rápido, eficaz e seguro para os usuarios", e aclarou que tamén "garante un maior control de acceso ás illas, xa que impedirá a sobrevenda de billetes por parte das navieiras, ao ter que vincular o billete de forma automática a unha autorización individual, nominal e intransferible para cada visitante".

A maiores, indicou que a Consellería de Medio Ambiente, para evitar "problemas como os ocorridos o pasado verán", manterá os controis mediante a lectura do código de autorización tanto nos portos de saída como no desembarco nas illas. En total, permitirase acceder cada día a 2.000 persoas por liña regular, 800 campistas e 200 en viaxes educativas.

O sistema de autorizacións para as reservas implantouse tras a polémica xurdida en agosto de 2017, cando o Parque Nacional denunciou a catro navieras que conectan Vigo, Baiona e Cangas con Cíes, por supostamente trasladar ás illas durante dúas xornadas a máis persoas das permitidas.

Esta situación derivou en que a Xunta impuxo sancións por un total de 930.000 euros ás catro navieiras, pola comisión de infraccións graves por incumprir "as cotas autorizadas" de visitantes. Ademais, a Fiscalía de Vigo abriu dilixencias de investigación, a instancias da Xunta, para dirimir se por isto houbo delitos de falsificación de documentos e estafa á cidadanía.

Comentarios