A Xunta acusa o Goberno de aplicar unha "estratexia premeditada" para illala

Feijóo acusa a Maroto e Duque de visitar Galicia como "candidatos do PSOE" para unhas próximas eleccións e "non como ministros"
Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo, este xoves en Baiona. EFE

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, denunciou este xoves unha "estratexia premeditada" que na súa opinión aplica o Goberno central para "illar á Xunta" e evitar a colaboración institucional. Pronunciouse así despois de que o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, estivese este xoves no porto de Vigo nun buque oceanográfico sen incluír na súa visita a ningún membro da Xunta, como fixo o pasado luns a titular en funcións de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Afondaron nas críticas Alfonso Rueda e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que o Goberno en funcións "está a preparar a próxima campaña electoral" e que só así se explica" que ministros visiten comunidades autónomas "mostrando un enorme desprezo polas institucións democráticas", como ocorreu en Galicia. 

Dese modo, o popular volveu censurar as formas da visita de Maroto e que o Goberno galego soubese "pola prensa" da viaxe de Duque. A partir de aí, asegurou que eses representantes do Goberno en funcións estiveron en Galicia "non como ministros", senón como "candidatos do PSOE" para as próximas eleccións que, augurou, serán en novembro. 

Feijóo manifestouse así nun acto en Baiona, onde se referiu ao bloqueo político a nivel estatal para acusar a Pedro Sánchez de estar a elaborar "un relato electoral" co que pretende culpar a outros partidos, e xustificar así a convocatoria de novas eleccións para novembro. É máis, dixo estar convencido de que o PSOE non quere os votos do PP para lograr a investidura porque xa está en campaña electoral.

CRÍTICAS DE CONDE. Pouco antes de que falase Feijóo xa expresara as súas críticas aos ministros Francisco Conde, quen apuntou que Reyes Maroto puido cometer un "erro", pero considerou que no caso de Duque "ese erro non foi unha casualidade", senón parte dunha estratexia "electoral" do Executivo central que encabeza Pedro Sánchez. A partir de aí, censurou que "esa non é a forma de traballar" entre as administracións públicas e pediu que se conte coa Xunta" cando se acuda a Galicia para falar de proxectos conxuntos entre ambas as institucións.

Conde reiterou tamén a reclamación ao Executivo central de que se lle traspasen á Xunta os 700 millóns de euros pendentes de abonar, dado que non ve "ningunha restrición desde o punto de vista xurídico e legal para que o Goberno en funcións non poida dar esa resposta".

Á viaxe da ministra tamén se referiu este mesmo xoves o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen cualificou a súa visita de "falta de respecto institucional". "Hai ministros que visitan Galicia e non avisan á Xunta para nada", mesmo cando veñen ver proxectos que se están desenvolvendo conxuntamente" coa Administración autonómica, censurou o popular, quen asegurou que "non hai Goberno" no Estado pero si que hai "moita propaganda do Partido Socialista".

Marta Rodríguez acusa ao delegado do Goberno, Javier Losada, de aplaudir "o ninguneo"
A viceportavoz popular Marta Rodríguez replicou este venres ao delegado do Goberno en Galicia que o considera "cómplice necesario en Galicia que apoia a lista de agravios do Goberno socialista e aplaude o ninguneo". Marta Rodríguez indicou que a petición do delegado do Goberno de "sentido de Estado para colaborar co Goberno" ao presidente da Xunta "cae polo seu propio peso, xa que, á lista de agravios do Goberno socialista con Galicia está a unirse un desprezo institucional sen precedentes do que é cómplice necesario en Galicia o delegado do Goberno que non só non apoia as reclamacións galegas senón que aplaude o ninguneo ao Goberno lexítimo que representa a todos os galegos".

A viceportavoz popular lamenta as declaracións do delegado do Goberno en Galicia e que "traten de converter aos galegos en vítimas do bloqueo político e institucional do Executivo central para facerlle oposición á Xunta nunha estratexia electoral sen precedentes, utilizando a chantaxe política para que Galicia reciba os 700 millóns de euros que lle debe o Goberno de Pedro Sánchez e que tanto necesita para atender os servizos fundamentais á poboación".

Comentarios