A Xunta agradece que se faga un cesamento non "abrupto" da actividade económica

Alfonso Rueda celebra que o Goberno central atendese á petición realizada desde Galicia
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Alfonso Rueda. EFE

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu este luns ao Goberno que teña en conta a petición do Goberno galego para que o cesamento da actividade non esencial non fose "abrupto" e desexou que as novas medidas teñan os efectos desexados aínda que "non poden xerar máis incerteza".

Tras unha reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop), con representantes da Xunta, Delegación do Goberno e os concellos, entre outros, Rueda considerou preciso incrementar os esforzos para executar as decisións do Goberno do mellor modo posible e que os cidadáns teñan "a plena confianza" de que van "polo bo camiño".

Nun audio remitido aos medios, Rueda incide en que o decreto, publicado no BOE ao fío da medianoite, leva apenas unhas horas en vigor, polo que a Xunta, os seus servizos xurídicos, aínda o están estudando en detalle para intentar resolver as dúbidas que "seguro que van xurdir".

As empresas necesitan un período mínimo para facer os peches

"Celebramos que o Goberno fixese caso (á petición) de que non fose unha aplicación abrupta, que non sexa un peche repentino de todas as actividades económicas, que prexudicaría ás grandes e ás pequenas, porque necesitan un período mínimo para facer os peches", sinalou.

Na reunión da Cecop, o órgano activado tras a declaración do estado de urxencia pola Xunta, tamén se deu o visto e prace a pór polo menos un establecemento hostaleiro a disposición dos sanitarios en cada unha as sete principais cidades galegas, onde están os hospitais de referencia.

Se fose necesario, dixo ampliaríanse, estas prazas, que son precisas porque os profesionais sanitarios ou ben residen noutras localidades e non poden ir todos os días ou ben prefiren preservar a seguridade das súas familias e non aloxarse nos seus domicilios nestes días.

A pandemia non entende de barreiras administrativas

Roda recordou que xa se puxeron a disposición das persoas que desenvolven os servizos esenciais en Galicia nas distintas localidades máis de 4.000 prazas hostaleiras con independencia de quen as desenvolva, da administración da que dependan ou se son do ámbito público ou privado, engadiu, porque "a pandemia non entende de barreiras administrativas".

Outro punto tratado pola Cecop foi a distribución de material de protección aos municipios. O vicepresidente galego ha destacado que tras os centros hospitalarios, sanitarios e de servizos sociais -residencias-, os municipios son a prioridade e "a día de hoxe o único material que recibiron foi propio da Xunta", un esforzo que o Goberno galego seguirá facendo "dentro das súas posibilidades", comprometeu.

No Cecop participa o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela

Coa posta en marcha dunha plataforma loxística, que fará distribución directa aos municipios, a Xunta agarda repartir a finais desta semana "máis de 120.000 máscaras, 350.000 luvas e 25.000 traxes de protección".

Recordou que no Cecop participa o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, cuxas suxestións e peticións foron escoitadas.

Precisamente, Alberto Varela, a través doutro audio remitido aos medios, dixo que trasladou tanto aos representantes do Goberno como da Xunta que a situación dos concellos é "precaria" e que precisan "máis material".

Recoñeceu que esta semana haberá máis reparticións por parte da Xunta aínda que indicou que as sete cidades "quedarán á marxe" e tamén necesitan material.

Ademais, explicou, a colaboración "leal" dos concellos coa Xunta e a Administración central plásmase na desinfección de ambulancias nos hospitais ou na habilitación de puntos de descanso para transportistas, entre outras medidas. 

Comentarios