A Xunta asume un "papel activo" para mitigar os efectos dun Brexit sen acordo

Jesús Gamallo asegura que o Goberno galego leva meses traballando de cara a unha eventual saída de Reino Unido da Unión Europea
Jesús Gamallo. AEP
photo_camera Jesús Gamallo. AEP

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou o "papel activo" que asumiu a Xunta para afrontar o Brexit e intentar mitigar os efectos que tería a saída de Reino Unido sobre a Comunidade e os galegos que residen no país inglés.

Este domingo Gamallo recordou nos actos de conmemoración do 50 aniversario do Centro Galego de Londres, que o Goberno dirixido por Feijóo creou un grupo de traballo interdepartamental para avaliar a incidencia que tería na Comunidade a saída de Reino Unido da Unión Europea. En 2018 a Administración autonómica empezou a traballar nunha estratexia conxunta para avaliar as consecuencias que afectarían ás 1.700 persoas que faenan en buques galegos, as 500 empresas que exportan a este país e como se garantirían os dereitos dos 14.000 galegos que residen no Reino Unido

O director xeral fixo fincapé nunha das medidas que se tramitou, e é que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ofrecerá servizos de consultoría fiscal, laboral, xurídica e administrativa ás empresas galegas. Ademais, a Comunidade coordina o grupo operativo Brexit dentro da Comisión do Arco Atlántico, que reúne a 17 rexións de 5 estados costeiros do Atlántico para "desenvolver unha cooperación rexional sólida e facer fronte ás posibles consecuencias negativas" da saída do Reino Unido.

Comentarios