A Xunta chega a un acordo con bancos para adiantar o pago dos salarios a afectados por Erte

O Goberno galego avalará un total de 1.500 euros por traballador cun tope mensual de 750 euros
Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo. EFE

A Xunta de Galicia chegou a un acordo con entidades financeiras para adiantar o pago dos salarios aos máis de 200.000 galegos afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) debido á crise do coronavirus. Diso informou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa telemática ofrecida este martes, na que recordou que o Executivo autonómico leva "semanas" pedindo ao Goberno central que axilice o pago das prestacións. 

Feijóo detallou que, en virtude do acordo, a Xunta avalará un total de 1.500 euros por traballador cun tope mensual de 750 euros. "Cada traballador que un mes non cobre ten dereito a un anticipo de 750 euros e, no caso de que tampouco cobre o segundo mes, terá dereito a outro anticipo de 750 euros", precisou. 

O presidente recordou que hai máis de 20.000 galegos que están en Erte. "Miles de familias están sometidas a esta situación laboral necesitan cobrar as súas nóminas e parécenos que iso hai que facelo de forma inmediata", sostivo Feijóo, que asegurou ser "consciente" de que hai "miles de familias" galegas que aínda non cobraron e que "é necesaria a liquidez". 

"Tratamos de dar solución a un problema evidente", apuntou o máximo mandatario autonómico, que deu conta que o 90% dos 30.000 expedientes recibidos pola Xunta xa están "informados e tramitados". "Estamos a informar todos os expedientes nos prazos que marca o Goberno, o 90% xa están informados e o 10% restante vai en función do día no que se presentan", indicou Feijóo, que explicou que estes días seguen chegando Erte á Xunta. 

Comentarios