A Xunta combatirá por lei os desperdicios alimentarios e plásticos

Os restaurantes galegos estarán obrigados a entregar as sobras aos clientes en envases sen plástico

Unha botella de plástico nunha praia. EP
photo_camera Unha botella de plástico nunha praia. EP

O Goberno galego deu este xoves o visto e prace ao comezo da tramitación da futura lei de residuos e chans contaminados que pretende incrementar a prevención á hora de xerar refugallos, a reutilización dos materiais e prevé loitar "de modo específico contra os desperdicios alimentarios e plásticos".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou en conferencia de prensa, na que tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que esta nova normativa renovará e adaptará á lei vixente, de 2008, ás novas demandas fixadas pola Unión Europea e que mesmo se adiantará no seu cumprimento e establecerá, en determinados ámbitos, obxectivos "máis ambiciosos" que a lexislación española.

Deste xeito, Galicia prevé ser unha das primeiras rexións onde as vaixelas de plástico dun só uso estean prohibidas xa desde a entrada en vigor da lei, en principio en 2020, xa que está prevista a remisión ao Parlamento para o último trimestre deste ano.

Outra medida nova consistirá na obrigación de entregar aos clientes a comida non consumida nos establecementos de hostalaría e en recipientes reciclables e non de plástico, avanzou a conselleira de Medio Ambiente, que avogou tamén por promover un pacto social de boas prácticas sobre os excedentes alimentarios.

Os restaurantes estarán obrigados a entregar as sobras aos clientes en envases sen plástico
Esta lei obrigará aos restaurantes galegos a entregar as sobras aos clientes en envases que non conteñan plástico e que, preferiblemente, deberán ser reutilizables.

Núñez Feijóo sinalou que un dos principais obxectivos da lei é que no ano 2025 o volume de residuos xerados en Galicia sexa un 15% menor ao actual, fronte á redución do 10 por cento prevista pola lexislación estatal. A nova normativa galega, ademais, establecerá sancións que van desde os 300 euros para as faltas leves aos 1,7 millóns de euros para as faltas moi graves.

O ano 2025 tamén é a referencia para reducir un 30% o volume de residuos de alimentos, que chegará ao 50% en 2030. Ademais, en canto aos residuos en vertedoiro, a meta é que no ano 2035 se xestionen unicamente nestes espazos o 10% do total.

A nova normativa establece, ademais, a recollida separada dos biorresiduos nos municipios antes do 31 de decembro . A conselleira sinalou que esta nova lei incide na adaptación á economía circular e contribúe, xunto á estratexia contra o cambio climático, a preservar o medioambiente.

VÍA ÁRTABRA. O Consello da Xunta autorizou, ademais, o gasto para a primeira fase de desdobrar a vía Ártabra en autovía -desde Lorbé até Castelo- e levala ás inmediacións da autoestrada, un investimento de 29,6 millóns de euros.

Ademais, no mesmo expediente xa está prevista a integración da futura autovía na propia autoestrada, para o que é preciso primeiro que Fomento dea a súa autorización, nese caso o investimento total sería de 35 millóns de euros.

O prazo para a execución das obras é de 36 meses, indicou Núñez Feijóo, que sinalou que esta nova infraestrutura cambiará os tráficos na área metropolitana da Coruña.

FORMACIÓN PROFESIONAL. A Xunta deu o visto e prace, tamén, ao proxecto para a construción dun Centro Galego de Innovación de FP en Ourense, unha vez refugada a instalación en Vigo tras a retirada da Zona Franca anunciada tras o seu cambio de dirección.

O proxecto, no que a Deputación de Ourense investirá 5 millóns de euros, e a Xunta até 4,9 millóns de euros máis no tres primeiros anos, pretende servir "como motor da innovación" na Formación Profesional e como "ponte co tecido empresarial galego". Núñez Feijóo asegurou que Galicia é "un referente" en España en canto a formación profesional, "cun 47% máis de alumnos no últimos dez anos" e unha empregabilidade superior "ao 85% nos dous primeiros anos tras acabar os estudos".

Ademais, entre outras medidas, a Xunta prevé desenvolver un decreto para recoñecer ás persoas e institucións que destaquen pola súa colaboración como voluntarios en Protección Civil. Deste xeito poderá entregar unha medalla de ouro, tres de prata e seis de bronce, ademais dun distintivo de permanencia a aquelas persoas ou institucións que acrediten polo menos 25 anos de voluntariado.

Comentarios