A Xunta convoca prazas de residencia para estudos postobrigatorios non universitarios

Material de estudio. PIXABAY
photo_camera Material de estudo. PIXABAY

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición deste martes unha orde da Consellería de Educación pola que se convocan as prazas nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios o próximo curso.

O obxectivo é facilitar o acceso á educación superior ao alumnado que se escolariza en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, motivado polo feito de que os estudos que realiza non se imparten en ningún centro sostido con fondos públicos da súa localidade de residencia nin noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade. 

As vacantes ofertadas poderanse consultar na páxina web taboleiro de anuncios dos centros aos tres días da publicación desta convocatoria. O alumnado solicitante que obteña praza terá dereito de reserva ata que complete os estudos, sempre que non repita curso e non variasen as circunstancias que se tiveron en canto para a adxudicación inicial. Os residentes que terminen un nivel educación concreto ou ciclo formativo non terán reserva, polo que para poder continuar os estudos deberán presentar unha nova solicitude.

O alumnado matriculado en bacharelato pode presentar solicitude ata o 10 de xullo, mentres que para o de ciclos formativos o límite é o 3 de agosto. A publicación das listas definitivas das persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias e suplentes farase de forma conxunta ata o 14 de setembro, a través da páxina web da consellería e do taboleiro ou web dos centros. 

Para os centros nos que queden prazas vacantes, abrirase un prazo extraordinario de solicitudes entre o 15 e o 22 de setembro. 

Os criterios de valoración teñen en conta os datos socioeconómicos —composición da unidade familiar, renda, discapacidade e desemprego—, así como o rendemento académico.

Comentarios