A Xunta: "Non se poden prohibir os campionatos de caza de raposo"

 O BNG carga contra ese "apoio" a esta "masacre" e o PSdeG chama a darlle "unha volta" á normativa

Campeonato de caza de zorro en Dozón. BLANCA PAZ
photo_camera Campeonato de caza de zorro en Dozón. BLANCA PAZ

A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén do Campo, afirmou que non se poden prohibir de "forma unilateral" os campionatos de caza de raposo que a Xunta autoriza en Galicia, xa que se fan no "estrito cumprimento da legalidade vixente" autonómica e estatal. 

En resposta a sendas preguntas do PSdeG e BNG na comisión de Medio Ambiente, Do Campo informou de que entre 2011 e 2017 abatéronse 991 pezas nestes campionatos, aínda que di que só supoñen o 1,3% dos 75.779 raposos aos que se deu morte nese período. Ademais, incide en que é unha especie incluída na lei galega como cinexética. 

O deputado do BNG Luís Bará denunciou "o apoio da Xunta" a esta "masacre", ao "converter a Galicia nun auténtico santuario europeo da matanza do raposo" por "obra e graza do PP". 

Nesta liña, Patricia Vilán (PSdeG) critica que estes campionatos "parecen máis lúdico festivos que de control cinexético", mentres censura que a Xunta "non fixo estudos de se efectivamente hai demasiados raposos". 

Ademais, Vilán recorda que as autorizacións destas probas baséanse nun regulamento de 2001 e unha lei de 2013, polo que "a conciencia social está a trasladar" que "é necesario darlle unha volta" a esa normativa. 

Con todo, Belén do Campo deixa claro que "non procede a non autorización unilateral destes campionatos". "Parece que damos autorizacións a treo e non", afirmou ao defender o "control" por parte da Administración na inspección destas probas para que só se celebrene en zonas habilitadas en tecores e non se dea morte a outras especies.

O Goberno galego apoia á Federación Galega de Caza
Así mesmo, Belén do Campo informou de que a Consellería de Medio Ambiente non outorgou entre 2013 e 2017 "ningunha partida específica" para o fomento estes campionatos. 

Con todo, si destinou 25.000 euros en 2016, 2017 e 2018 á Federación Galega de Caza para convenios de prevención de sinistralidade, cursos de formación sobre medidas de seguridade e nocións básicas de primeiros auxilios, entre outras cuestións. Tamén se subvencionou un encontro de mocidades pola caza pola "falta substitución xeracional" nun "deporte saudable" e "sostible". 

En cambio, Luís Bará acusou a este alto cargo da Xunta de que "mente con aleivosía e diurnidade, que é peor que mentir con nocturnidade". Así, recriminou que non se referiu ás axudas por parte da Secretaria Xeral para o Deporte para estes campionatos. Identifica todas estas accións con que "Vox está a facer bandeira" da caza, e o Goberno galego "ten que presumir e porse á cabeza". 

A continuación, o deputado nacionalista recordoulle que "están a ir en contra dun acordo parlamentario" que pedía á Xunta non apoiar nin subvencionar estas probas. Neste momento, esgrimiu un cartel co "logotipo da Xunta e Secretaría Xeral para o Deporte". 

Patricia Vilán tamén afeou que a Xunta non cumpra cos acordos parlamentarios se "logo resulta que o Goberno financia este tipo de actividades". 

Na súa réplica, Do Campo dixo que a Secretaría Xeral para ou Deporte achegou en 2018 máis de 30.000 euros á Federación Galega de Caza para gastos xerais de funcionamento e a súa "actividade deportiva ordinaria". 

Comentarios