A Xunta destaca a consolidación de empresas galegas en México

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, liderou a expedición do goberno autonómico

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o gobernador do estado de México, Alfredo del Mazo. EFE
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o gobernador do estado de México, Alfredo del Mazo. EFE

As empresas galegas consolidaron a súa presenza no mercado de México tras a misión comercial ao país latinoamericano que esta semana encabezou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con preto de medio centenar de firmas de Galicia, segundo se pon de manifesto no balance realizado polo goberno autonómico.

A Xunta destaca así que á consecución deste obxectivo contribuíron varias iniciativas. Por unha banda, o Encontro gastronómico con Galicia, os días 2 e 3 de maio en Cidade de México. Por outro, o traballo desenvolvido pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña, a través do Plan Foexga, para que 22 firmas galegas de diferentes sectores —automoción, TIC, maquinaria industrial e naval— concertasen un centenar de reunións no país azteca.

O Encontro gastronómico tivo como organizadores á Xunta máis a Cámara de Comercio da Coruña

O Encontro gastronómico con Galicia estivo organizado pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña. O obxectivo era servir de escaparate para mostrar a excelencia dos produtos galegos, consolidar Galicia como destino internacional, e animar aos asistentes para sumarse aos 20.000 mexicanos que en 2017 visitaron Galicia.

Froito deste encontro, empresas como Coren, Torre de Núñez, Queixeiros da Chaira, Quinta Couselo ou Adegas Montepío iniciaron ou consolidaron a súa presenza neste mercado, á vez que outras como Conservas Palacio de Oriente ou adegas Martín Códax e Terras Gauda —implantadas desde hai anos en México— consolidaron a oferta da gastronomía galegas. O Encontro celebrouse durante dous días coa participación de 25 empresas do sector agroalimentario galego, que presentaron os seus produtos nun Showroom de produtores.

Ante case 200 profesionais do sector, mostráronse viños das denominacións de orixe galegas, produtos gourmet, como conservas de peixe ou marisco, carne, aceite de oliva, queixos e infusións.

Ademais, desde a Xunta destácase que no marco deste evento realizáronse accións complementarias para dar a coñecer a gastronomía galega, con cinco showcookings, catro catas e unha mesa redonda, coa asistencia de case 300 profesionais, ademais dun circuíto gastronómico e ceas ás que se uniron case 450 participantes.

Así mesmo, a Xunta, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco) e o Clúster alimentario de Galicia (Clusaga) mantiveron unha reunión coa Asociación Nacional de Tendas de Autoservizo e Departamentais de México (Antad).

No encontro acordouse que unha representación do sector mar-alimentario galego asista, como rexión convidada, á próxima edición da feira Antad Alimentaria, que se celebrará en 2019 na cidade mexicana de Guadalaxara, nun evento coa presenza de 30 países e máis de 46.000 visitantes.

OUTROS SECTORES. Na misión comercial organizada pola Xunta a través do Igape, e a cámara de Comercio da Coruña, participaron tamén 22 empresas de diferentes sectores: confección infantil, consultorías TIC, enxeñerías, automoción, maquinaria industrial, naval e do sector da alimentación.

En total, a Xunta informa que se concertaron un centenar de reunións para abrir novas vías de negocio entre Galicia e México, un destino que se enxalza como "prioritario na estratexia de internacionalización galega debido á afinidade cultural" e "a gran acollida dos produtos galegos".

Comentarios