A Xunta destaca o gasto social dos Orzamentos e uns beneficios fiscais de 472 millóns

A Ope educativa e sanitaria de 2021 será similar á actual
Valeriano Martínez. LAVANDEIRA JR
photo_camera Valeriano Martínez. LAVANDEIRA JR

A Xunta de Galicia ten previsto poder realizar a oferta de emprego público para 2021 "non máis aló" do mes de febreiro e que a cantidade de prazas incluídas para o ámbito educativo e sanitario móvase "en liñas parecidas" ás deste ano.

Así o asegurou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na rolda de prensa tras a entrega no Parlamento do proxecto de orzamentos para o ano que vén, na que manifestou que espera poder realizar esa convocatoria "máis pronto que tarde" unha vez que se aproben as contas públicas a finais de xaneiro.

A Xunta ofertou este ano un total 7.380 prazas, das cales 3.254 son para Educación, 2.741 para a administración xeral, 1.215 para o Consorcio de Servizos Sociais e 985 para Sanidade.

O conselleiro dixo puntualizado que para o ano que vén "é difícil chegar" a estas cifras, sobre todo no caso da administración xeral, pero no resto de parámetros a oferta moverase "en liñas moi parecidas", apuntou.

En canto ao prazo para esta convocatoria, explicou que a intención da Xunta é facela "inmediatamente" tras a aprobación dos orzamentos, polo que cre que será "non máis aló do mes de febreiro" podo estar conformada esta oferta.

Martínez volveu a reclamar ao Goberno central "a total eliminación" da taxa de reposición de prazas públicas e advertiu que desde a Xunta "non se van conformar"" ata non conseguir este cambio.

"Somos todos o suficientemente maiores para, á parte de falar e predicar, poder chegar á estabilización dos nosos persoais e nunca máis este volume de temporalidade que presentan", reprochou, aínda que destacou que Galicia que é a que mellor cociente ten neste ámbito.

Ademais, engadiu que na Lei de Medidas Administrativas e Fiscais que acompañan aos orzamentos van "medidas moi concretas" para poder axilizar todo tipo de convocatorias, tanto no ámbito educativo e sanitario como da administración xeral, sempre coas garantías sanitarias necesarias. 

GASTO SOCIAL. O conselleiro de Facenda destacou o gasto social dos orzamentos elaborados pola Xunta para 2021 que supón que catro de cada cinco euros irán destinados a sanidade, educación, política social, emprego e reactivación económica, así como uns beneficios fiscais para os contribuíntes que chegan aos 472 millóns de euros.

Na rolda de prensa no Parlamento galego, tras entregar o proxecto de contas públicas para 2021, resaltou que estes orzamentos -que suman un total de 11.664 millóns de euros, un 14,9 % máis que os deste ano- contemplan un investimento tamén "excepcional" de 2.592 millóns de euros, e un "gasto social", segundo o conselleiro, de 8.540 millóns de euros, 864 máis que este ano.

Polo que respecta ao gasto territorializado, o maior investimento por habitante producirase nas provincias do interior, empezando por Lugo, con 4.704 euros por habitante; Ourense, con 4.461 euros per cápita; e A Coruña e Pontevedra, con 3.633 euros e 3.493 euros, respectivamente.

Os orzamentos inclúen unha redución do 6,4 por cento no Fondo de Cooperación Local, ata 127 millóns de euros, pero Martínez asegurou que esta caída se compensará coas transferencias das distinta consellerías, co que os entes locais recibirán "catro ou cinco millóns máis, como mínimo" que neste exercicio. 

Comentarios