A Xunta destina 170.000 euros aos guías turísticos para crear novos produtos no Camiño

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reúnese con representantes da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.
photo_camera Representantes da Asociación Profesional de Guías Turísticos, Castro e Rueda. XUNTA

A Xunta asinará un convenio de colaboración coa Asociación Profesional de Guías Turísticos (Apit Galicia) para a creación de novos produtos turísticos en localizacións dos camiños de Santiago e vinculados co Xacobeo, así como para a profesionalización do sector, cun investimento de 170.000 euros

O vicepresidente primeiro do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse este venres con representantes de Apit Galicia para acordar a firma dese convenio. No encontro, Rueda destacou o "importante papel deste colectivo" de cara ao Xacobeo, xa que é "unha das principais cartas de presentación do turismo galego". Nesa liña, sinalou que neste ano Santo "axudarán a relanzar Galicia como destino seguro", cunha oferta "diversificada e de calidade".

Así, a Xunta apoiará as iniciativas que leven a cabo os guías turísticos galegos nos municipios polos que transcorre o Camiño, proxectos que se fortalecerán, ao mesmo tempo, cos servizos doutras empresas do sector como axencias de viaxes ou establecementos hostaleiros.

O acordo inclúe a posta en marcha da ferramenta informática 'Descubre os Camiños'

Ademais, o convenio incluirá medidas como o financiamento de ata o 50% do custo das visitas guiadas nas localidades das distintas rutas xacobeas, un concurso de ideas para crear novos produtos turísticos nestes municipios ou a implementación dunha ferramenta informática denominada Descobre os Camiños que agrupe todas as actividades que realizan os guías turísticos nestes municipios.

Tamén se apostará pola "profesionalización e formación continua deste colectivo", mediante a adaptación destes profesionais á Axenda 2030 e á nova era dixital.

Este convenio de colaboración súmase ao apoio recibido pola Xunta desde o inicio da pandemia, que achegou 80.000 euros a este colectivo para "mellorar a formación en seguridade sanitaria e crear novos produtos no escenario postcovid-19".

Comentarios