A Xunta destina 3,5 millóns ás axudas para mellorar establecementos turísticos

A actuación realízase co foco posto no Xacobeo
Alfonso Rueda, durante a visita a unha casa rural. XUNTA DE GALICIA
photo_camera Alfonso Rueda, durante a visita a unha casa rural. XUNTA DE GALICIA

A Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros na orde de axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración publicada recentemente, o que supón "un incremento dun 133% con respecto á convocatoria anterior".

Así o explicou este sábado o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita á casa rural A avoa María de Campo Lameiro, un dos 80 negocios beneficiarios o ano pasado por estas axudas.

Alfonso Rueda, que estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, resaltou que estas axudas permitirán aos negocios do sector turístico acondicionar e mellorar as súas infraestruturas para presentar "unha oferta competitiva e de calidade, sobre todo neste Xacobeo".

Por iso, o Executivo autonómico subliña que se incrementou "o máximo que pode recibir cada solicitude ata chegar aos 50.000 euros", cando o ano pasado devandito tope estaba fixado en 35.000 euros. "Ante circunstancias extraordinarias como as que vivimos, temos que facer un esforzo extra", subliñou Rueda.

"Contribuímos así a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do noso modelo turístico"

A través destas axudas, a Xunta financia, por exemplo, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Tamén inclúe iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento da contorna; ou a renovación dos equipamentos necesarios para o funcionamento dos establecementos.

"Contribuímos así a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do noso modelo turístico", reivindicou o vicepresidente.

PLAN DE CHOQUE. O Executivo tamén recordou que a Xunta traballa no 'Plan de choque para o sector turístico', dotado con 37,5 millóns de euros, e que inclúe como medida pioneira o 'seguro coronavirus', cun investimento de 1,4 millóns de euros para cubrir os custos sanitarios dos visitantes ante casos de infección de covid-19 para recuperar a confianza do viaxeiro.

O obxectivo desta nova orde é continuar traballando na mellora da imaxe das rutas xacobeas

Ademais, co obxectivo de fomentar o consumo renovaranse os programas Elixe Galicia con 1,3 millóns de euros e o 'Bono Turístico' con 6 millóns. A estas medidas súmanse axudas directas as axencias de viaxes e operadores de turismo por 3,6 millóns de euros.

MELLORA DA PAISAXE. Ademais, o Executivo autonómico ha recordado que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou tamén hai escasos días as axudas destinadas á mellora paisaxística e ao embelecemento do Camiño de Santiago, ás que a Xunta destina 1,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2020.

O obxectivo desta nova orde, da que o ano pasado beneficiáronse máis dun centenar de entidades locais e particulares, é continuar traballando na mellora da imaxe das rutas xacobeas, agora máis que nunca coa vista posta na celebración dun Ano Santo bianual.

Nesta convocatoria, á que poderán presentarse ata o 5 de marzo entidades locais e particulares, favorécese de novo a posta en marcha da restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado co obxectivo de pór en valor a paisaxe e a cultura vinculados ao Camiño.

Comentarios