A Xunta destina 8 millóns a afectados polos Erte ou por unha extinción de contrato

UXT saúda a decisión de duplicar a cantidade inicialmente prevista: "Todo é pouco" 
Francisco Conde. DP
photo_camera Francisco Conde. DP

A Xunta destinará un total de oito millóns de euros en axudas a traballadores e empresas en Expediente de Regulación Temporal de Emprego e a empregados maiores de 55 anos afectados pola extinción do seu contrato.

Trátase dunha das medidas adoptadas no marco dos acordos do diálogo social entre a Administración autonómica, patronal e sindicatos, segundo destaca a Xunta nun comunicado no que subliña que o orzamento final é "o dobre" do inicialmente previsto.

"Hoxe, máis que nunca, desde a Administración, os sindicatos e a patronal queremos estar coas persoas que se están vendo máis afectadas pola situación económica e laboral destes momentos", sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao termo da reunión telemática celebrada este xoves.

O programa está dividido en dúas liñas: por unha banda, 6 millóns de euros en axudas a Erte que afecten a máis de 300 traballadores e, por outro, 2 millóns a pesonas maiores de 55 anos que estean afectadas pola extinción de contratos en empresas en crises.

A primeira das liñas está orientada a compensar a perda adquisitiva dos empregados e tamén á empresa polos custos de formación, segundo detalla a Consellería de Economía.

Na segunda liña establécense, á súa vez, outros dous programas: un de financiamiento das cotas a ingresar por convenio especial que estea subscrito ou subscriban; e outro de pago único dirixido a compensar a diminución do importe da indemnización recoñecida.

O conselleiro resaltou o "consenso" do que nacen medidas como esta e sinalou o diálogo social como "o único camiño posible para lograr a reactivación económica e do mercado laboral en Galicia".

UXT SAÚDA O ACORDO 

Pola súa banda, UXT saudou a decisión de incrementar o orzamento da medida, xa que consideran que "na actual conxuntura todos os esforzos son poucos para non deixar a ninguén no camiño".

Neste sentido, o sindicato incidiu en que "os traballadores e as súas familias non poden outra vez ser os que paguen esta crise" despois de facelo na de 2008, polo que se comprometeu a traballar "en todos os contextos" para evitalo.

Comentarios