A Xunta destina preto de 1,2 millóns a axudas para realizar 113 accións de embelecemento no Camiño

Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea
Elemento del Camino de Santiago sobre el que se intervendrá.EFE
photo_camera Elemento del Camino de Santiago sobre el que se intervendrá.EFE

A Xunta de Galicia concede axudas por preto de 1,2 millóns de euros a 43 concellos e 70 particulares para acometer 113 accións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago. 

Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea e, en virtude da mesma, o Goberno galego financiará o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego. 

As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira, dirixida ás entidades locais, o Goberno achegará preto de 580.000 euros para financiar actuacións en 43 concellos polos que discorre algún tramo do Camiño. 

No caso da segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na ruta xacobea, a Xunta destinará preto de 600.000 euros para financiar accións propostas por 70 particulares das catro provincias galegas. 

Xunto con esta liña de axudas, o Plan de embelecemento da Xunta inclúe un proxecto piloto realizado en colaboración coa Fundación Juana de Veiga e que permitiu analizar e propor solucións de mellora paisaxística para 45 puntos situados na ruta. 

Esta iniciativa, que contou co asesoramento da Escola Galega da Paisaxe, incluíu a elaboración dun manual de boas prácticas neste campo, que servirá como referencia nas actuacións financiadas ao amparo desta liña de axudas. 

Comentarios