A Xunta Electoral de Galicia avala a recomendación de levar o voto de casa

O organismo entende que que esta suxestión ten como obxectivo “axilizar” o proceso nun “contexto de risco epidémico”
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark

A Xunta Electoral de Galicia desestimou unha reclamación de diferentes entidades políticas contra a recomendación da Xunta de que as persoas electoras leven o voto preparado desde o domicilio ao entender que esta suxestión ten como obxectivo “axilizar” o proceso nun “contexto de risco epidémico”.

A denuncia foi presentada polas entidades Ciudadanos de Galicia (ADCG), Coalición de centro Democrático-Autónomos (CCD-AU.TO.NO.MO), Contigo Somos Democracia (CONTIGO), Converxencia 21 (C 21), Por Un Mundo Máis Xusto (PUM+J) e C.E. Unidos por el Futuro! (UNIDOS SI-UDP-DEf).

Estas formalizaron unha reclamación contra a Resolución do 29 de maio de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, pola que a Xunta aprobou o protocolo que establece as medidas preventivas en materia de saúde pública fronte ao covid-19 para o desenvolvemento da xornada electoral do 12 de xullo.

Na súa resolución, a Xunta Electoral indica que “o risco de contaxio sempre existirá, por moito que os poderes públicos se esmeren en manter unhas condicións idóneas de limpeza dos locais electorais e de asepsia de todas as persoas que interveñen no proceso de votación”.

“Esta circunstancia xustifica suficientemente a recomendación efectuada, a cal ten por xusta finalidade a de axilizar a emisión do voto no curso dunhas eleccións que van desenvolverse -dato que resulta clave- nun contexto de risco epidémico”, subliña o órgano electoral. 

Comentarios