A Xunta proporá medidas por un prezo eléctrico competitivo para industrias como Alcoa

Trasladará a súa batería de propostas aos partidos de ámbito estatal
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visita as instalacións de Aluminios Cortizo, Extramundi (Padrón), 22/10/19.
photo_camera Feijóo, outras autoridades e responsables de Cortizo nunha visita á empresa. EP

A Xunta ten previsto trasladar nas próximas horas aos partidos de ámbito estatal unha batería de propostas "con solucións técnicas desde o punto de vista da fiscalidade" para lograr un prezo competitivo da electricidade para as empresas electrointensivas, como Alcoa.

Durante unha visita ás instalacións do Grupo Cortizo en Padrón, Feijóo mostrou a súa confianza en que entre este martes e o mércores o conselleiro de Economía, Francisco Conde, poida concretar estas medidas que axuden a garantir "a viabilidade de Alcoa e doutras empresas electrointensivas que, en Galicia, dan emprego a 5.000 persoas".

Así, exporá unha batería de medidas que garantan que o prezo da luz se sitúe nos parámetros previos a 2018. En concreto, a Xunta alude á necesidade de situarse na contorna de entre 35-40 euros/MW, mentres que agora rolda os 50 euros/MW. 

"Necesitamos ser moi claros e ter moita determinación" para intentar garantir o prezo da enerxía, xa que o prezo do megawatt "é un 50% máis caro que en 2017", dixo Feijóo, para reivindicar a importancia da que será a proposta galega de estatuto para as empresas electrointensivas

Feijóo defendeu a necesidade de que España conte cunha fábrica de aluminio primario, como a que hai en San Cibrao e que supón "o 30 por cento do PIB da provincia de Lugo", xa que é unha "garantía de seguridade na subministración" para empresas como Cortizo. 

Cortizo segue crecendo
O presidente galego visitou as instalacións de Cortizo en compañía, entre outros, do seu presidente, José Manuel Cortizo, con motivo do anuncio dun investimento de 40 millóns de euros para ampliar as instalacións e crear, entre outras infraestruturas, un Centro Tecnolóxico de case 30.000 metros cadrados. Ese centro empregará 350 enxeñeiros e será a base da compañía para innovar e desenvolver os seus proxectos en todo o mundo.

Máis de 3.200 empregados
Feijóo destacou o "éxito empresarial do grupo", que —dixo— acredita que desde Galicia se pode ser punteiro e referencia" en todo o mundo "grazas á innovación e aos seus equipos". "Reivindico a Galicia como terra de oportunidades, ninguén discute agora isto, é unha realidade incontestable", asegurou sobre a implantación de Cortizo en máis de 60 países cunha facturación o pasado ano de 636 millóns de euros e máis de 3.200 empregados. 

O presidente da Xunta repasou a importancia do aluminio en Galicia, xa que o 60% da facturación deste sector en España é de empresas galegas e os empregos nesta comunidade supoñen o 41% de todo o país, o que evidencia que é un "sector crave".

Comentarios