Xunta, Fegamp e Seaga forman a comisión de seguimento para a limpeza de franxas secundarias

Este órgano coordinará o desenvolvemento dos traballos e priorizará as accións en función de cada concello 

A comisión de seguimento do convenio asinado pola Xunta, a Federación de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga quedou constituída este venres para a limpeza de franxas secundarias –aquelas situadas ao redor de vivendas e núcleos–. 

Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, este órgano está presidido polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e conta con seis vogais –dous por cada unha das tres partes asinantes–. A secretaría técnica corresponde a un representante da Fegamp. 

Agora esta comisión coordinará o desenvolvemento dos traballos e aprobará un baremo para priorizar as accións en función dos concellos que se adhiran. 

Entre estes criterios atópanse a afectación por grandes incendios forestais en 2017 e na última década, a existencia de parroquias de alta actividade incendiaria, os municipios incluídos en zonas de alto risco de incendio, así como os concellos costeiros da provincia da Coruña afectados o vento nordeste. Tamén se terán en conta a aquelas entidades locais con convenio subscrito para unha brigada municipal de prevención coa Consellería de Medio Rural. 

Co fin de axilizar os traballos, esta comisión aborda xa a información solicitada por diferentes concellos para delimitar as tarefas de rozas. Os municipios teñen ata o 18 de setembro para solicitar a súa adhesión. 

Este convenio, pioneiro en Europa, prevé actuar en catro anos en limpeza de 16.000 hectáreas. Conta cun investimento do Executivo autonómico de 28 millóns ata 2021. 

Comentarios