A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou na mañá deste venres un convenio de colaboración coa Fundación Juan Soñador por importe de 180.000 euros para garantir a continuidade dos programas de apoio aos menores tutelados pola Administración autonómica.
A firma do convenio produciuse no transcurso da visita que realizou a conselleira á sede da fundación, acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.
Coa firma deste convenio, a Xunta de Galicia incrementa nun 40% a súa colaboración para o mantemento destes programas de apoio aos menores tutelados pola Administración autonómica, cunha achega de 158.000 euros, mentres que o resto do orzamento corre a cargo da propia fundación.
Ese incremento do orzamento asignado permitirá dotar de novas "oportunidades a cincocentos nenos, nenas e adolescentes aos que dirixe a súa actividade a Fundación Juan Soñador", de modo que haberá "70 beneficiarios máis que o ano anterior", precisou a conselleira.
Ademais, reforzaranse as actividades de atención escolar e apoio educativo, un dos eixos nos que se centra o traballo da entidade lucense, que tamén realiza actividades para fomentar o desenvolvemento persoal e social, a dinamización do lecer e o tempo libre e a atención familiar.