A Xunta non autoriza aos Franco o traslado das estatuas do Mestre Mateo

Segundo Feijóo, o Goberno galego está "a reivindicar e exercendo" os dereitos dos galegos
Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reiterou este luns que o Goberno galego non vai autorizar á familia Franco a sacar da comunidade autónoma as esculturas do taller do Mestre Mateo que están no Pazo de Meirás. 

"Nós non temos ningún interese en polemizar nin en discrepar con ninguén. E moito menos cunha familia que acaba de perder, polo menos en primeira instancia, a posesión dun ben que nós entendemos que lle corresponde ao pobo galego", explicou Feijóo aos xornalistas en Lugo tras a sentenza que obriga á familia do ditador a devolver ao Estado o inmoble situado en Sada (A Coruña). 

Na mesma liña, recordou que "nun estado democrático esas cousas decídense nos ámbitos xudiciais e a sentenza é clara e determinante. A propiedade do Pazo de Meirás é do pobo galego". 

Segundo Feijóo, o Goberno galego está "reivindicando e exercendo" os dereitos dos galegos. 

"As estatuas foron declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) desde hai anos e a lexislación acredita que para movelas ou sacalas de Galicia necesítase a autorización do goberno galego, autorización que non imos dar", precisou tendo en conta que a xustiza ordenou un inventario do pazo, onde se atopan ditas estatuas. 

"Esas estatuas están baixo os parámetros de prudencia xudicial, non corresponde sacalas da Comunidade Autónoma", insistiu. 

Ademais, recordou que "se alguén non ten problemas e está seguro da súa propiedade, non creo que lle moleste nada manter esas estatuas na comunidade autónoma".

Comentarios