A Xunta ordena reforzar os buses nos aeroportos da Coruña e Santiago ante a folga de taxis

O Goberno galego cre que o problema se soluciona cun marco regulatorio equilibrado e claro"

Taxis en Madrid. AEP
photo_camera Taxis. AEP

O Goberno galego dirixiuse ás compañías concesionarias das liñas de autobús interurbano, que unen a cidade da Coruña co aeroporto de Alvedro e o centro de Santiago coa terminal de Lavacolla, para pedirlles que reforcen a súa flota para minimizar os prexuízos aos viaxeiros pola folga do taxi.

Un centenar de taxistas de diversos puntos de Galicia acudiron a unha protesta convocada na capital galega para pedir ao Goberno central "que se cumpra a lei" en relación aos VTC, os vehículos con condutor.

Os taxistas cos seus vehículos concentráronse ao mediodía nas inmediacións do Estadio de San Lázaro, onde debateron as protestas que desenvolverían e despois, pasadas as 13.00 horas dirixíronse ao complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, onde fixeron soar as súas bucinas.

As protestas, que polo momento non provocaron problemas circulatorios en Santiago de Compostela, diríxense agora a Xoán XXII, onde os taxistas teñen previsto aparcar os seus vehículos e ir a pé ata a próxima Praza do Obradoiro. Máis tarde, a previsión é que suban ao aeroporto de Lavacolla.

No caso de Peinador, ao realizarse este servizo mediante unha liña urbana, depende do Concello de Vigo, segundo subliña a Xunta nun comunicado.

Ademais, subliña que a da Consellería de Infraestruturas e Vivenda participará este mércores na Conferencia Nacional do Transporte convocada polo Ministerio de Fomento.

"A Xunta mantén o seu compromiso para seguir traballando, como ata agora, na defensa da competencia leal e da seguridade dos usuarios no sector do transporte público en vehículos de turismo", afirma no comunicado.

"Podemos abordar transferir competencias, pero non problemas"
A Xunta asegura que o Goberno galego pode "abordar transferir competencias, pero non problemas"; e insistiu en que esta polémica se soluciona cun marco regulatorio equilibrado e claro". Así o trasladou este martes a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que, ao ser cuestionada por este tema durante un acto en Vigo, incidiu en que a solución pasa por unha regulación "clara que resolva ese baleiro e falta de control que orixinou a 'lei omnibus'", aprobada polo Goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.

"Están a autorizarse VTCs por sentenza xudicial como consecuencia do baleiro que ocasionou esa lei de 2009, que deu barra libre para a concesión de licenzas VTC", criticou. En todo caso, mantivo que a Xunta traballa "para conseguir unha convivencia regulada" entre os taxis e os VTCs para garantir "unha competencia leal e sobre todo a seguridade dos usuarios".

Neste sentido, confirmou que unha representación da Xunta acudirá á reunión convocada para este mércores por Fomento con todas as comunidades autónomas, aínda que avanzou que previamente, ese mesmo día, manterá un encontro co sector do taxi en Galicia.

Comentarios