A Xunta pecha "a maior Ope" desde 2008, con 5.686 prazas

Ademais das 1.461 novas prazas xa anunciadas para sanidade, convocaranse outras 2.175 para servizos da Administración xeral

Opositores realizando un exame en Silleda. AEP
photo_camera Opositores realizando un exame en Silleda. AEP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este xoves que o seu Goberno pechará este ano 2018 a "maior" oferta pública de emprego desde hai unha década coa convocatoria das 1.461 novas prazas xa anunciadas para sanidade e outras 2.175 para servizos da Administración xeral. 

En total, estas 3.636 prazas sumaranse ás 2.050 ligadas aos servizos educativos, que xa se adxudicaron tras as últimas oposicións realizadas neste exercicio, o que supón unha Ope global na comunidade en 2018 de 5.686 prazas. 

Así, tras o informe de balance analizado na reunión semanal do seu Executivo, Feijóo reivindicou que a oferta de emprego público de 2018 é "a maior, a máis ampla e ambiciosa" dos últimos dez anos, desde 2008. 

"Sacamos 5.686 prazas para sanidade, educación, servizos sociais e Administración xeral, un incremento do 65% sobre a oferta pública de emprego de 2017", salientou. 

Co paso avanzado este xoves, o Executivo autonómico esgota a taxa de reposición do 108%, "un dereito" —o do 108%— ao que, segundo remarcou o xefe do Executivo, pode acceder Galicia por axustarse ao cumprimento esixido da xestión financeira da comunidade.

ÁMBITOS QUE REFORZAN As NOVAS PRAZAS. Deste xeito, as 2.175 prazas que se corresponden co ámbito da Administración xeral permitirán reforzar ámbitos prioritarios como os servizos sociais, a loita contra a fraude fiscal, o asesoramento xurídico ou os servizos xerais e de administración, así como estabilizar o emprego temporal. 

Delas, 1.448 serán de acceso libre, 150 para promoción interna, e 577 resérvanse para funcionarización voluntaria.

Administración 2.175
Acceso libre 1.448
Promoción interna 150
Funcionarización 577
Sanidade 1.461
Licenciados 512
Diplomados e FP 659
Xestión e servizos 229
Administración 61
Educación 2.050
Mestres 705
Secundaria 1.050
FP 160
Música e idiomas 135
Prazas totais 5.686

 

TAXA DE TEMPORALIDADE DO 5% EN SANIDADE. Das 1.461 prazas de sanidade, está prevista a convocatoria de 512 prazas de persoal licenciado sanitario, 659 diplomados e de FP, e 229 prazas de persoal de xestión e servizos das áreas de administración e de hostalería. 

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e respectará os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade. 

Do total de prazas, 98 reservaranse para o seu acceso por persoas con discapacidade, e ata un 50% das prazas convocaranse para a súa provisión polo sistema de promoción interna. 

No caso de sanidade, o presidente destacou que o obxectivo é alcanzar, no ano 2020, o compromiso asinado con sindicatos e xa iniciado co decreto de oferta de 2017, que sitúa a taxa de temporalidade na porcentaxe do 5% —na Administración xeral o reto é que quede no 7%—.

APROBACIÓN DOS DECRETOS ANTES DE QUE ACABE O ANO. A distribución das prazas na Administración xeral e no Sergas será abordada coas organizacións sindicais nos próximos días, co obxectivo de aprobar os correspondentes decretos de ofertas de emprego público antes de que acabe o ano. 

Pechada a Ope de 2018, Feijóo destacou que a Xunta ofertaría xa "máis da metade das 15.000 prazas comprometidas" no plan de estabilidade no emprego público para o período 2017-2020, asinado entre a Administración autonómica e as centrais sindicais.
 

Comentarios