A Xunta pide "vontade política" ao Goberno central para que o AVE chegue en 2019

Un informe considera "viable" e "realista" que se cumpran os prazos previstos para o próximo ano

Obras del AVE en el túnel de Bolaños. ARCHIVO
photo_camera Obras da AVE no túnel de Bolaños. ARQUIVO

O Goberno galego realizou este venres unha "análise pormenorizada" da actual situación do trazado que permitirá a chegada do tren de Alta Velocidade a Galicia tras o que realizou un informe que ratifica que o compromiso para que o AVE estea en probas en 2019 é "viable" e realista" polo que piden "vontade política" ao novo Goberno central.

Así o reclamou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego, na que sostivo que en función da información coa que se conta en canto aos tramos e as licitacións, pódese "concretar que a nivel técnico os prazos para acabar o AVE son viables e realistas".

"PROXECTO PRIORITARIO". O Executivo autonómico responde así ao anuncio do Goberno de Pedro Sánchez que avanzou que se realizaría unha auditoría sobre o estado das obras para comprobar se os prazos previstos polo Ministerio de Fomento na etapa anterior son plausibles.

"Insistimos, é un proxecto absolutamente prioritario, trasladámosllo así ao Goberno de Zapatero, ao Goberno de Rajoy e estámosllo trasladando así" ao actual Executivo, explicou Núñez Feijóo que asegurou que a Xunta manterá "co Goberno que acaba de gañar a moción de censura" a mesma postura que cos Gobernos predecesores.

PRAZOS. Neste sentido, o Goberno autonómico avanzou que esixirá que se cumpran os prazos comprometidos posto que, na actualidade "só está pendente de licitación o 5 por cento dos 4.400 millóns" que se prevén como gasto total para a realización do trazado desde Zamora a Galicia, mentres que o grao de execución das obras xa en marcha "supera o oitenta por cento".

Segundo Núñez Feijóo, os estudos demostran que nos prazos prometidos "non hai nin trampa nin cartón" polo que pediu que "non empecemos a buscar determinadas escusas para non ter que facer o que temos que facer".

Comentarios