A Xunta prevé reunirse o venres co Consello da Avogacía pola folga de Xustiza

O vicepresidente da Xunta asegura que non ten "ningún problema" á hora de sentar cos avogados para trasladarlles a actual situación

Alfonso Rueda. AEP
photo_camera Alfonso Rueda. AEP

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este martes unha reunión este mesmo venres co Consello da Avogacía para trasladarlle a situación no conflito cos funcionarios da administración de xustiza, así como a última proposta exposta polo Goberno galego. A intención da Xunta con esta reunión é que o Consello, que este luns se reuniu cos sindicatos e ofreceuse a mediar, lla faga chegar aos sindicatos tras asegurar que "cumpre todas as aspiracións" expostas polos funcionarios.

En declaracións realizadas aos medios, antes de visitar a empresa Aceites Abril en San Cibrao (Ourense), Rueda agradeceu "o interese" mostrado polo Consello da Avogacía e asegurou que a Xunta non ten "ningún problema" á hora de sentar cos avogados para trasladarlles a actual situación. Segundo explicou, representantes da Xunta manterán unha reunión este venres con representantes dos avogados galegos para comentarlles como está a situación e as súas propostas.

Rueda volveu reprochar aos representantes do comité de folga que na última reunión "de forma inesperada e pouco lóxica" volvesen endurecer " as negociacións" e insistiu en que todas as propostas realizadas pola Xunta ata o momento foron "á alza", polo que reiterou a súa petición de "reflexión" aos sindicatos.

Reiterou que a última proposta da administración "cumpre todas as aspiracións que tiñan" os sindicatos, en alusión á subida e inclúe unha cláusula de revisión que garante que "estean por encima da media doutras comunidades autónomas" así como "un plan" para recuperar o traballo tras a folga.

"Imos trasladar -esta proposta- ao Consello e pedirlle que llo traslade aos funcionarios", incidiu o tamén responsable de Xustiza, quen pediu novamente aos sindicatos "que reflexionen" e acepten esta última oferta tras advertir de que non converterán "o diñeiro dos galegos en obxecto dunha poxa pública, se iso é o que pretenden". "Que saiban desde este momento que non o van ter nin o imos facer", resolveu.

Así, o vicepresidente da Xunta subliñou que a Xunta vai xestionar o diñeiro desde parámetros de "obxectividade e responsabilidade" e, neste sentido, apuntou que a oferta que inclúe unha subida do "14 por cento" -incluído o acordo entre Hacienda e os funcionarios do Estado- con cláusula de salvagarda "cumpre con esa obxectividade". "Iso é o que debe ser obxecto de negociación e non unha poxa, que non se vai a producir", resolveu.

Comentarios