A Xunta propuxo voos desde Caracas e A Habana para o traslado de votos

Rueda manifesta que a Administración autonómica insitirá "ata o último momento" para que estes votos cheguen a tempo para o seu reconto
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Alfonso Rueda, este xoves. EFE

A Xunta di que propuxo a Correos voos que saían das capitais de Venezuela, Caracas, e Cuba, A Habana, para o traslado dos votos de galegos no exterior que solicitaron participar nas autonómicas do pasado domingo.

Díxoo o vicepresidente en funcións do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha reuda de prensa celebrada este xoves na que a administración fixo balance da xornada de electoral do pasado domingo, á que falta por sumar os votos do exterior.

Correos recoñeceu problemas co voto do censo de residentes ausentes (Cera) en varios países, como Venezuela, onde non chegaron as papeletas porque non se atopou transporte "público nin privado", e Cuba, onde dixo que o correo do país non repartiu a documentación. Do voto exterior depende un escano na provincia de Pontevedra, en pugna entre PSdeG e PPdeG.

Rueda incidiu en que a Xunta é responsable da organización das eleccións dentro de Galicia, pero que o voto exterior de residentes ausentes non lle corresponde. Neste sentido, asegurou que a Xunta sinalou a Correos a existencia de voos con orixe en Caracas e A Habana que poderían servir de transporte para traer os votos a Galicia.

Deste xeito, sinalou que a Administración autonómica insistirá "ata o último momento" para que estes sufraxios cheguen a tempo para o reconto do voto exterior, que terá lugar o vindeiro luns.

Comentarios