A Xunta publica unha orde para facilitar a mobilidade dos agricultores durante o estado de alarma

Será considerado agricultor profesional aquel que estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia
Un tractor en Xinzo. BRAIS LORENZO
photo_camera Un tractor en Xinzo. BRAIS LORENZO

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes unha orde da Consellería de Medio Rural que fixa, entre outras cuestións, os criterios para facilitar a mobilidade dos agricultores. 

De tal forma, terá consideración de agricultor profesional, a tempo completo ou parcial, aquel que estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Así, os axentes da autoridade poderán dirixirse a ese rexistro para efectuar a comprobación oportuna. 

No caso dos viticultores profesionais, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou co cartón de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe. 

No tocante ás persoas con cultivos ou viñedos de autoconsumo, con fins non comerciais, poderán facer os desprazamentos imprescindibles a condición de que non supoñan unha distancia superior aos 500 metros da súa vivenda habitual. Ademais, non poderá haber máis de dúas persoas na parcela e deberán manter as distancias de seguridade.

SITUACIÓN DE MERCADOS. Respecto dos mercados tradicionais agrogandeiros en concellos, están prohibidos ata 31 de marzo. A partir desa data, a decisión sobre se seguen pechados ou se renovan publicarase na web de Medio Rural. 

Mentres, foméntase a venda de produtos agrícolas e gandeiros a través de vía telefónica e online, servidos polo produtor no domicilio do consumidor. 

No momento no que se levante a prohibición dos mercados, limitaranse unicamente a produtos agrícolas e gandeiros, con diferentes medidas de separación e distancia mínima.

Tamén se recomendará pór a disposición dos clientes luvas desbotables e xel desinfectante.