A Xunta reactiva a licitación de 29 contratos de transporte público en Galicia

Establécese un novo prazo de presentación de ofertas, que se pechará o 6 de maio
Los asientos de un autobús
photo_camera Asentos dun autobús. ARQUIVO

A Xunta reactivou este martes a licitación de 29 contratos de transporte público co obxectivo de garantir o emprego e servizos de calidade na próxima década, cun investimento de 240 millóns de euros.

Así llelo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, aos representantes das federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia: Transgacar, Fegatravi, Fegabús e Anetra, segundo informou o Goberno galego nun comunicado.

Vázquez, acompañada do secretario xeral técnico da consellería, Joaquín Macho, e do director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, mantivo unha videoconferencia co sector para abordar a situación do Plan de Transporte Público de Galicia e, ademais, coñecer de primeira man a súa situación e as súas necesidades no marco da alerta sanitaria do Covid-19.

Os novos contratos súmanse aos que xa están operativos desde xaneiro

A titular deste departamento autonómico confirmou o reinicio do procedemento de licitación dos contratos de autobús interurbano pendentes, correspondentes á segunda fase do plan. Con esta decisión, establécese un novo prazo de presentación de ofertas, que se pechará o 6 de maio.

Trátase de 29 novos contratos que inclúen os servizos de autobús interurbano que se prestan, fundamentalmente, nas provincias da Coruña e de Pontevedra, e que se veñen a sumar aos 98 que xa funcionan desde xaneiro nas outras zonas da comunidade autónoma galega.

Estes contratos inclúen preto de 1.300 liñas, que percorrerán case 36 millóns de quilómetros ao ano, máis do dobre que no ano 2015. Haberá 741 liñas de transporte compartido aproveitando as prazas baleiras do transporte escolar, e tamén 639 liñas con servizos a demanda nas zonas de baixo uso para que o bus só saia cando hai usuarios, sinala a Xunta.

Comentarios