A Xunta repartirá 1,2 millóns en axudas entre 70 establecementos hostaleiros

▶  O 54 % destas subvencións van dirixidas á provincia de Pontevedra
Román Rodríguez. EFE
photo_camera Román Rodríguez. EFE

O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, avanzou o luns a resolución dunha orde de axudas no marco do Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos (MAT) do Goberno autonómico, que repartirá 1,2 millóns de euros entre 70 establecementos hostaleiros, mobilizando 4 millóns.

"Este investimento busca axudar ao sector empresarial privado e mellorar a oferta de aloxamentos turísticos, con melloras na accesibilidade e a prestación de servizos, modernización de instalacións e aforro enerxético", asegurou Rodríguez durante a rolda de prensa de presentación do informe Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019.

O conselleiro destacou que o investimento da Consellería de Turismo nos últimos dous anos é de 2,2 millóns de euros, repartidos entre 124 establecementos; esta cantidade súmase á do programa Reforma Tur da Consellería de Economía, que habilitou este ano ao redor de 3 millóns a repartir entre 500 establecementos.

Román Rodríguez: Este investimento busca axudar ao sector empresarial privado e mellorar a oferta de aloxamentos turísticos

Con respecto á repartición das axudas do Plan MAT, Rodríguez precisou que o 66 % da súa contía vai dirixida a hoteis, o 10 % a establecementos do turismo rural, un 9 % a pensións, un 8 % a cámpings e un 6 % a apartamentos.

Na repartición por provincias, o 54 % destas axudas vai dirixido á provincia de Pontevedra, o 27 % á provincia da Coruña, o 16 % a Lugo e o 3 %, a Ourense.

"A aposta por un turismo de calidade é un dos principais obxectivos do Plan MAT, unha estratexia que ten como obxectivo favorecer a renovación e modernización dos establecementos da comunidade coa vista posta no gran reto do Xacobeo 2021, unha cita na que a Xunta está a traballar intensamente", concluíu.

Comentarios