A Xunta volve permitir o consumo de auga en Pontedeume tras dez días

 Sanidade anuncia que repercutirá a Endesa os gastos 
Aspecto que presenta o río Eume. COLECTIVO TERRA PONTEDEUME
photo_camera Aspecto que presenta o río Eume. COLECTIVO TERRA PONTEDEUME

A Conselleria de Sanidade levantou na mañá deste martes, 20 de outubro, as restricións que pesaban sobre o consumo da auga procedente do río Eume por parte da poboación do municipio de Pontedeume, unhas prohibicións que estaban vixentes desde o pasado día 10 debido á turbidez existente. 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, trasladou aos participantes da comisión de seguimento creada por este incidente –que se realizou de xeito telemático– que a Xunta repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume, Endesa, "os gastos derivados da urxencia do río e do abastecemento de Pontedeume". 

Así, xustifícase a incoación do expediente sancionador á empresa eléctrica por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación da presa. 

Ademais, déronse indicacións a Endesa para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e para que adopte as medidas oportunas para reducir a turbidez no río.

OBRAS. Posteriormente Gutiérrez supervisou os traballos que se están realizando na estación de tratamento de auga potable municipal, que acometerá de urxencia a Xunta, cuantificados en 1,5 millóns de euros. 

Así, acometerase a modernización da estación de tratamento, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado. 

Na comisión de seguimento participaron representantes de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, que constatan que ata o momento non se detectaron danos na fauna nin mortaldade en peixes. 

Por outra banda, os axentes medio ambientais realizan un seguimento permanente para verificar que non cambian as condicións ambientais do río e que non se prexudican os ecosistemas presentes na canle fluvial.