A Xunta xa traballa nun "plan de usos" para o Pazo de Meirás

A intención, explicou o titular de Cultura, é darlle a utilidade dun "lugar de creación literaria e cultural"
Pazo de Meirás. CABALAR
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou este xoves que a Xunta xa traballa no deseño dun plan de usos para o Pazo de Meirás co obxectivo de que o Goberno do Estado ceda a xestión do inmoble á comunidade autónoma.

Despois de que a titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, Marta Canales, resolvese que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado e que a familia Franco debe devolvelo, a Xunta trasladou formalmente ao Goberno central unha petición para asumir a xestión das instalacións, recordou Rodríguez en declaracións á prensa antes de visitar o CIFP Lamas de Abade en Santiago.

"É unha proposta que é lóxica e que é xusta" porque "foron os galegos quen compraron ese pazo", situado en Sada (A Coruña), e ademais "foi Galicia a que impulsou ese proceso xurídico" que permitiu recuperar este inmoble que foi declarado Ben de Interese Cultural.

Desde o Executivo estatal aínda non se deu resposta a esta solicitude pero o Goberno autonómico xa iniciou a elaboración dun plan de usos para o inmoble unha vez que sexa devolto ao patrimonio público polos herdeiros do ditador.

Meirás "débese converter nun faro da igualdade" que sirva para "reivindicar o papel e a forza creativa da muller"

A intención da Xunta, explicou o titular de Cultura, é darlle a utilidade dun "lugar de creación literaria e cultural" xa que ese era o fin que quería darlle a familia Pardo Bazán a pesar de que logo, Meirás "foi deturpado polo franquismo".

Por iso, Meirás "débese converter nun faro da igualdade" que sirva para "reivindicar o papel e a forza creativa da muller", sentenciou o conselleiro.

Todo iso, aclarou, "sen obviar en ningún momento" a historia do pazo e "que aí viviu un ditador", xa que se trata dun lugar de creación que "foi deturpado polo Franquismo".

Así mesmo, o conselleiro apostou por "acordar" os usos do inmoble que debe ser "un lugar aberto á cidadanía, de convivencia e reivindicación" creativa, no que se rememore a historia do inmoble partindo "da idea inicial de Dona Emilia". 

Comentarios