Xustiza pide a unha quincena de concellos galegos a "retirada inmediata" de simboloxía franquista

O Ine detectou que destacadas figuras do franquismo dan nome aínda a 1.171 rúas e prazas españolas

Escudo franquista en la fachada de una iglesia. AEP
photo_camera Escudo franquista na fachada dunha igrexa. AEP

A Dirección Xeral de Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza solicitou a 656 concellos, unha quincena deles galegos, a "retirada inmediata" dos vestixios do franquismo que aínda pervivan nos seus espazos públicos e pediu aos gobernos autonómicos que verifiquen "a non existencia de símbolos de exaltación". 

En concreto, pide a retirada en cinco concellos da provincia de Ourense (Beariz, O Carballiño, Melón, San Cristovo de Cea e Xunqueira de Ambía); en cinco de Pontevedra (Tui, Agolada, A Estrada, O Porriño e Campo Lameiro); en catro de Lugo (Lourenzá, Quiroga, Ribadeo e Sarria), así como o municipio da Coruña. 

O director xeral para a Memoria Histórica, Fernando Martínez López, remitiu unha carta aos alcaldes deses municipios na que lles pide que cumpran a lei, elaboren "o catálogo de vestixios" e procedan " inmediata retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar e represión da ditadura". 

En paralelo, Martínez solicitou a todos os gobernos autonómicos información "sobre a existencia de simboloxía de exaltación de Guerra Civil e ditadura en territorios autonómicos" para proceder igualmente á súa retirada. 

Segundo explica o Ministerio de Xustiza nun comunicado, o Instituto Nacional de Estadística (INE) detectou que "destacadas figuras do franquismo dan nome aínda a 1.171 rúas e prazas españolas repartidas entre máis de 637 municipios". 

A ese censo, a Dirección Xeral de Memoria Histórica incorporou outros 19 nos que, segundo a súa propia información, tamén puidesen quedar outros vestixios de exaltación da Guerra Civil ou homenaxe ao franquismo. 
 

Comentarios