Os gandeiros de Lugo ameazan cunha nova tractorada se non se cumpre o acordo

"Non coñecemos a ninguén ao que lle subiran ou prezo", afirmou Roberto López, portavoz dos produtores lucenses, que asegura que retomarán as mobilizacións se a industria e a distribución non cumpren o pacto subscrito coa ministra ao longo do mes

Os gandeiros que durante dez días bloquearon cos seus tractores a Rolda da Muralla de Lugo non descartan repetir esta mobilización se o acorda a "maioría" se distribución e industria non cumpren ao longo deste mes o "acordo de boas intencións" subscrito a semana pasada coa ministra de Agricultura,  Isabel García Tejerina.

Os gandeiros, que ofreceron esta mañá unha rolda de prensa, indicaron que nese acordo "gustaríanos que houbera máis cousas" . Aseguraron ademais que aínda non se aprecian se as mobilizacións deron o seu froito. "Non coñecemos a ninguén ao que lle subiran ou prezo", afirmou Roberto López, portavoz dos gandeiros da provincia de Lugo, que compareceu na rolda de prensa xunto a outros sete produtores lácteos, que incidiron en que el non é a única voz do grupo.

Os gandeiros, que representan a produtores de 38 municipios das provincias de Lugo e A Coruña, afirmaron que continúan celebrando reunións para constituír unha organización "sen cor ideolóxica" que se rexerá polos principios de "independencia, transparencia e participación". Aínda non teñen decidida a súa forma xurídica. Queixáronse ademais dos boicots que sofren para tratar de xerar "división" no grupo.

Comentarios