COMO FUNCIONA SUPLUSA?

Martínez, vicepresidente de Suplusa cos votos a favor do PSOE e o PP

O BNG, socio de goberno dos socialistas, votou en contra na reunión para renovar o consello de administración da Sociedade Urbanística Provincial ► O alcalde de Becerreá tamén deu a coñecer este luns as alegacións contra a súa expulsión do grupo provincial: nega que violase en ningún momento o Pacto Antitransfuguismo
Manuel Martínez
photo_camera Manuel Martínez

O deputado provincial non adscrito Manuel Martínez foi nomeado vicepresidente da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) a proposta do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e con votos a favor de PSOE e PP e en contra do BNG.

O alcalde de Becerreá, cuxa expulsión do grupo provincial socialista está en trámite, será o vicepresidente de Suplusa tras a reunión para renovar o seu consello de administración á que estaban convocados todos os deputados provinciais.

O goberno bipartito, formado polo PSdeG e o BNG, tiña que buscar un acordo ou ben co Partido Popular ou ben con Martínez para nomear o consello de administración de Suplusa, ente que está a xestionar este ano máis de seis millóns de euros.

A proposta de Campos enténdese como un achegamento do PSOE a Martínez, aínda que o BNG, o seu socio de goberno, votou en contra.

ALEGACIÓNS DE MARTÍNEZ.
Precisamente este luns, o alcalde de Becerreá deu a coñecer as súas alegacións á decisión do grupo provincial socialista de expulsalo ao considerar que a súa actuación nos últimos plenos –votando algúns acordos co PP– violaba o Pacto Antitransfuguismo.

Martínez solicita que se lle notifique de novo o acordo polo que se iniciaron os trámites da súa expulsión, ao considerar que non cumpre os requisitos xurídicos, e pide tamén "deixar sen valor" tanto o acordo de iniciación do expediente como o acordo de expulsión temporal. 

Nun documento de cinco folios, explica que non se lle pode considerar un tránsfuga polo voto en contra da moción presentada polo BNG para declarar a provincia libre de touros nin pola súa ausencia, ese mesmo 27 de outubro, na votación dunha proposta do Bloque para a revisión da ordenanza do Ibi. 

Asegura o alcalde de Becerreá que se tratan de mocións dos nacionalistas, grupo ao que non pertence, e considera ademais que é "fácil de comprender" que coa súa actuación "nin se ten mudado a maioría gobernante da Deputación nin se ten feito imposible ou dificultado en grao extremo o goberno na entidade provincial". 

Martínez apela tamén ao "voto en conciencia" para xustificar a súa actuación nos cinco casos nos que o PSOE lle atribúe "transfuguismo político" ou unha actuación "desleal".

Comentarios