Dous anos de cárcere para un estadounidense por intentar violar a nena en Marrocos

Organizacións de defensa dos dereitos humanos denuncian a pouca dureza das condenas a estranxeiros que cometen este tipo de delitos

O Tribunal de Primeira Instancia de Beni Mellal, no centro de Marrocos, condenou a un cidadán estadounidense a dous anos de prisión tras ser acusado de intentar violar a unha nena de 9 anos, informaron este xoves varios medios marroquís. O estadounidense foi condenado o pasado martes tamén a pagar unha multa de 5.000 dirhams (450 euros).

Os feitos ocorreron o pasado 27 de abril cando o estadounidense, de 47 anos, foi sorprendido polos veciños da localidade de Fqih Ben Saleh mentres intentaba agredir sexualmente a unha nena nun recuncho dentro dunha tenda, e cercárono antes de chamar á policía. O suceso fíxose viral nos medios marroquís que publicaron tamén un vídeo da cámara da tenda que mostra os feitos.

Non é este o primeiro caso de pederastas estranxeiros que se instalan en Marrocos e abusan de nenos neste país, xeralmente de familias pobres, como denunciaron con frecuencia organizacións de defensa de dereitos humanos, que critican aos xuíces pola súa escasa severidade cos estranxeiros autores de delitos sexuais.

De todos os casos de pederastia nos últimos anos, o máis soado foi o do español Daniel Galván, condenado a trinta anos de cárcere, indultado por erro polo rei Mohamed VI en 2013 e logo detido de novo en España (tras a revogación do seu indulto por parte do rei), onde está actualmente preso. 

Comentarios