Críticas á escalada xenófoba do ministro Salvini, que quere expulsar aos xitanos estranxeiros

"Os xitanos italianos por desgraza hai que quedarse con eles", afirmou o responsable de Interior

Matteo Salvini. FABRIZIO RADAELLI
photo_camera Matteo Salvini. FABRIZIO RADAELLI

Asociacións de defensa da etnia xitana acusaron este martes ao ministro italiano do Interior, Matteo Salvini, de proselitismo e ignorancia por dicir o luns que habería que censar a persoas de etnia xitana e expulsar aos irregulares.

O presidente da Asociación 21 Luglio, Carlo Stasolla, dixo a Efe que esperaba este "ataque" aos xitanos tras o caso da nave Aquarius, á que se impediu desembarcar en porto italiano con 630 inmigrantes que naufragaran no Mediterráneo central.

O líder ultradereitista defendeu o luns a necesidade de censar aos xitanos para facer "unha fotografía da situación" en Italia e avanzou o seu desexo de que "os estranxeiros que permanezan de forma irregular" sexan expulsados do país.

"Os xitanos italianos por desgraza hai que quedar con eles", dixo Salvini, que posteriormente afirmou que non quería "etiquetar ou tomar pegadas dixitais a ninguén" e que o seu obxectivo era "coñecer a situación". "Queremos protexer a miles de nenos non escolarizados porque prefiren introducilos na delincuencia", afirmou o ministro italiano do Interior.

O presidente da asociación 21 Luglio considerou que "o ministro lamentablemente estuda pouco" pois "propuxo unha serie de estupideces irrealizables e que non poden nin sequera proporse". En primeiro lugar porque a Constitución italiana prohibe calquera distinción por sexo, "raza, lingua, credo, opinións políticas ou condicións persoais e sociais".

Doutra banda "non é posible expulsar aos xitanos irregulares" porque moitos son italianos, o 43 %, outros son comunitarios de países como Romanía e moitos apátridas da antiga Iugoslavia.

Para rematar, Stasolla recriminou que non se necesita a "fotografía" da situación pois a súa asociación xa realiza cada ano un informe, o último presentado no Senado o pasado mes de abril.

Comentarios