A esquerda francesa presenta a moción de censura contra Macron

A súa proposición ten escasas opcións de prosperar debido á cómoda maioría absoluta da que dispón nesa cámara o partido gobernamental, A República En Marcha

Emmanuel Macron. BENOIT TESSIER
photo_camera Emmanuel Macron. BENOIT TESSIER

Os partidos de esquerda no Parlamento francés confirmaron a presentación dunha moción de censura contra o Goberno pola súa xestión da crise dos "chalecos amarelos" e para facer escoitar as súas propias propostas.

Fontes do grupo socialista na Asemblea Nacional confirmaron a EFE que a moción busca "facer ouvir" a súa voz e as súas "propostas concretas".

As formacións de esquerda no Parlamento anunciaron o pasado xoves a súa intención de presentala o luns, pero decidiron esperar ao discurso do presidente, Emmanuel Macron, que onte á noite debullou un conxunto de medidas sociais para frear as protestas.

A moción ten o respaldo da Francia Insumisa (esquerda radical) e do Partido Comunista, aínda que desexan que outros grupos se somen á súa iniciativa na Asemblea Nacional, onde os deputados deberán votala polo menos 48 horas logo da súa presentación.

O secretario nacional do Partido Comunista, Fabien Roussel, indicou na cadea BFM TV que decidiron mantela porque Macron non foi o suficientemente lonxe e o seu plan "dividirá os franceses", ao considerar que "uns van ter que pagar por outros".

A súa proposición ten escasas opcións de prosperar debido á cómoda maioría absoluta da que dispón nesa cámara o partido gobernamental, A República En Marcha (LREM), pero segundo sinalou o xoves o primeiro secretario do Partido Socialista, Olivier Faure, lánzase para demostrar que "outra vía é posible".

Comentarios