Morre o expresidente peruano Alan García tras pegarse un tiro cando ía ser detido

O exmandatario (1985-1990 e 2006-2011) faleceu na mesa do quirófano do hospital, ao que foi trasladado pola policía

Alan García
photo_camera Alan García.

O expresidente peruano Alan García morreu durante a mañá deste mércores nun hospital de Lima mentres era operado dun tiro na cabeza que se disparou el mesmo cando ía ser detido por orde xudicial por supostos delitos de corrupción vinculados ao caso Odebrecht.

Fontes do partido Aprista e o presidente de Perú Martín Vizcarra confirmaron que as dúas veces gobernante peruano (1985-1990 e 2006-2011) faleceu mentres era intervido no hospital Casimiro Ulloa de Lima, onde foi trasladado de urxencia polos axentes da Policía que chegaran á súa casa para detelo. Foi o secretario persoal de García, Ricardo Pinedo, quen anunciou a súa morte aos medios que esperaban nos exteriores do centro.

Case de inmediato foi confirmado polo presidente Vizcarra, na súa conta oficial en Twitter. "Consternado polo falecemento do expresidente Alan García. Envío as miñas condolencias á súa familia e seres queridos", sinalou Vizcarra.

Alan García morreu aos 69 anos tras dispararse na cabeza cando ía ser detido por orde xudicial e logo de sufrir tres paradas cardiorrespiratorias. O director do hospital, Enrique Gutiérrez, sinalou que o exgobernante presentaba un disparo de arma de fogo no cranio "con orificio de entrada e saída" e que todos os médicos do Casimiro Ulloa, no distrito limeño de Miraflores, participaron na operación que intentou salvarlle a vida.

O dúas veces presidente peruano (1985-1990 e 2006-2011) foi ingresado no medio de gran confusión no hospital, onde foi trasladado pola Policía que foi a detelo á súa casa. Segundo testemuñas consultadas pola televisión peruana, García estaba cuberto por unha manta vermella e pouco despois chegou ao lugar un dos seus fillos e representantes do Partido Aprista Peruano (PAP).

O suceso produciuse cando axentes da División de Investigación de delitos de Alta Complexidade acudiron á casa do político, sobre o que pesa desde finais do ano pasado unha orde de impedimento de saída do país, para sometelo a unha detención provisional por dez días ordenada polo Poder Xudicial. Xunto a García, tamén se ordenou a detención de Luis Nava, secretario presidencial baixo o Goberno do líder do partido aprista, e Miguel Atala, ambos os estreitos colaboradores do expresidente e sinalados como os seus homes de palla.

Ademais, do exministro de Transportes e Comunicacións e de Vivenda e Construción, Enrique Cornejo, quen horas despois se entregou á Xustiza, e doutros cinco exfuncionarios do seu segundo goberno.

A situación legal de García complicouse despois de que o pasado domingo se difundise que a empresa Odebrecht, no marco do acordo de colaboración que mantén coa Xustiza peruana, revelara que Nava, e o seu fillo José Antonio Nava, recibiron 4 millóns de dólares da empresa para lograr o contrato de construción da Liña 1 do Metro de Lima. 

Comentarios