Italia ordena inmobilizar un barco dunha ONG con 224 inmigrantes a bordo

Os migrantes serán trasladados nas próximas horas a buques da Garda Costeira italiana para desembarcar en porto seguro

Matteo Salvini. FABRIZIO RADAELLI
photo_camera Matteo Salvini. FABRIZIO RADAELLI

O Goberno italiano ordenou este xoves conducir a porto e inmobilizar a embarcación dunha ONG alemá que se atopa no Mediterráneo con 224 inmigrantes rescatados a bordo, para investigar se está a incorrer en irregularidades nos seus labores de salvamento. Os migrantes serán trasladados nas próximas horas a buques da Garda Costeira italiana para desembarcar en porto seguro.

O barco da ONG Lifeline, que porta bandeira holandesa, socorreu nas últimas horas a 224 persoas no Mediterráneo, cando se dirixían desde Libia cara a Europa.

A organización solicitara este xoves que as autoridades italianas lle concederan permiso para atracar nalgún porto do país. "Esperamos que as autoridades competentes actúen de acordo co dereito internacional e as directrices da Organización Internacional para as Migracións (OIM) sobre o tratamento das persoas rescatadas no mar", segundo un comunicado da ONG.

Indicou que temía enfrontarse a unha situación similar á que viviu o buque Aquarius, de SOS Méditerranée e Médicos Sen Fronteiras, ao que o Executivo italiano prohibiu o 10 de xuño atracar nos seus portos e desembarcou unha semana despois en España con 630 inmigrantes a bordo.

A resposta do Goberno de Roma a Lifeline produciuse mediante unha orde do ministro de Infraestruturas e Transportes, Danilo Toninelli, do antisistema Movemento Cinco Estrelas (M5S), de que os 224 rescatados sexan trasladados a barcos da Garda Costeira e que a embarcación da ONG sexa conducida a un porto en Italia para ser investigada.

Toninelli gravou unha mensaxe na rede social Facebook e leu un comunicado do Goberno holandés no que asegura que esa nave "porta ilegalmente a bandeira holandesa". "Se esta noticia se confirma, é unha embarcación que non debería poder navegar nas augas do Mediterráneo", resalta o ministro italiano.

Ademais, precisa que o barco ten 30 metros e capacidade para 50 persoas (agora transporta a 224 pasaxeiros), polo que non está equipada para socorrer a migrantes no Mediterráneo, e será investigada para verificar, primeiro, se leva legalmente a bandeira holandesa e, despois, se está "a pór en perigo as vidas" dos rescatados.

Engade que os gardacostas italianos avisaran aos seus colegas libios da necesidade de asistir a unha embarcación á deriva e de facerse cargo do rescate, pero Lifeline desatendeu este procedemento e interveu "actuando contra calquera regra do dereito internacional".

O ministro considera que o feito de que haxa ONG que socorren a migrantes a menos de 30 millas das costas de Libia incentiva "a saída das barcazas da morte". Na súa opinión, a crise migratoria é un problema que afecta a Europa, non só a Italia, e debe ser a Unión Europea no seu conxunto a que responda.

A única solución, prosegue, é crear centros de rexistro de refuxiados que xestionen as peticións de asilo nos países de tránsito destas persoas, "concertando acordos coa mesma Libia", co que se pecharía a ruta do Mediterráneo. Ademais de Lifeline, as autoridades italianas investigarán a outra ONG que navega no Mediterráneo con bandeira holandesa, Seefuchs, xa que, segundo Toninelli, tampouco ten permiso para levala.

En paralelo, o ministro italiano do Interior, Matteo Salvini, da ultradereitista Liga que xunto ao M5S conforma o Goberno, recalcou este xoves que a ONG que operan no Mediterráneo central para rescatar a inmigrantes "non tocarán chan italiano".

Colgou un vídeo nas redes sociais sobre a situación da ONG en cuestión e subliñou que "a Garda Costeira italiana" dixéralles que non se movesen, que se "ocupaba Libia". "Pero estes desgraciados, incluso pondo en perigo a vida dos inmigrantes neses botes, non escoitaron a ninguén e interviñeron cargando a súa cantidade de carne humana a bordo", acusou o político populista. Confirmou que o Executivo italiano traballa para "acabar coa mafia da inmigración clandestina que causa miles de vítimas" e cargou contra os "taxis do mar que logo desembarcan en Italia".

O líder do M5S, Luigi Di Maio, ministro de Desenvolvemento Económico e Traballo e Políticas Sociais, criticou en Twitter ao presidente de Francia, Emmanuel Macron, acusouno de hipocrisía por defender a solidariedade cos refuxiados e pechar ao mesmo tempo o paso fronteirizo de Ventimiglia e dixo que "a solidariedade ou é europea ou non o é".

Comentarios