Kiev anuncia o repregamento de armamento no medio de ameazas de prorrusos

Ucraína anunciou o inicio do repregamento do seu armamento pesado da liña da fronte coas milicias prorrusas do leste do país, que dixeron dubidar da "sinceridade" do Goberno de Kiev para pór fin á guerra.

O líder da autoproclamada República Popular de Donetsk (RPD), Alexandr Zajárchenko, asegurou pola súa banda que os seus homes xa levaron á retagarda o 90% do seu armamento, aínda que está pendente a confirmación dos observadores da Osce.

Zajárchenko advertiu ao Goberno central de que, se a retirada do seu armamento non é inmediata, "a RPD volverá á liña de separación" con toda a súa artillería.

Tamén o alto mando ucraíno avisou aos separatistas de que, "en caso de ataques, o calendario do repregamento do armamento pesado será corrixido".

O Estado Maior das Forzas Armadas de Ucraína recalcou que a retirada do seu armamento levarase a cabo baixo a supervisión e verificación da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (Osce).

Aínda que os separatistas levan tres días anunciando o repregamento do seu armamento, Ucraína acúsaos de reagrupar ás súas forzas noutros puntos da fronte, mentres que a Osce négase a confirmar a retirada argumentando falta de información.

ALTO AO LUME
Ucraína e os rebeldes subscribiron o pasado día 12 en Minsk un acordo de paz que inclúe un cesamento do lume, en vigor desde o día 15, e a retirada do armamento pesado da liña da fronte nas rexións separatistas de Donetsk e Lugansk para crear unha zona de seguridade de 50 quilómetros.

Instantes despois de que o Estado Maior de Ucraína anunciase que comeza a súa retirada, o portavoz do mando militar, Anatoli Stelmaj, informou de que as forzas ucraínas xa empezaran a retirada da artillería ao longo de toda a liña de separación".

"Ata agora non temos información algunha sobre a retirada do armamento pesado desde as posicións ucraínas na liña de separación. Isto fainos dubidar da sinceridade da parte ucraína para pór fin á sanguenta guerra fratricida", replicou o "número dous" do mando militar rebelde, Eduard Basurin.

Ao mesmo tempo, os prorrusos cargaron contra a Osce por non confirmar o repregamento do seu armamento, a pesar de que, segundo Basurin, "a misión da Osce verificou" hoxe mesmo a retirada dunha columna con armamento pesado das milicias.

Mentres, o portavoz da misión da Osce para Ucraína, Michael Bociurkiw, insistiu hoxe en que tanto Kiev como os rebeldes deben proporcionar información sobre o armamento que teñen, onde se atopa, onde será emprazado e que rutas se empregarán para o seu repregamento.

Tamén denunciou que os seus observadores se atopan a miúdo con impedimentos, das dúas partes", para moverse pola zona do conflito, algo que cualificou de "intolerable", e esixiu aos dous bandos que garantan "o acceso ilimitado e seguro" aos membros da misión internacional.

Mentres, durante as últimas horas respectouse en xeral o cesamento do lume que rexe no leste de Ucraína.

"Xa son varios días consecutivos nos que se observa unha significativa redución dos ataques contra as posicións ucraínas por parte dos rebeldes", constataron nun comunicado as forzas gobernamentais.

O plan de paz para o leste de Ucraína foi apoiado polos presidentes de Ucraína, Petró Poroshenko; Rusia, Vladímir Putin; e Francia, Francois Hollande, e pola chanceler federal alemá, Angela Merkel.

Comentarios