Morren polo menos 28 nenos nun incendio nunha escola en Liberia

O lume, que se puido deber a un problema eléctrico, iniciouse de madrugada nun internado dun suburbio da capital
Ceremonia fúnebre por los niños fallecidos en un incendio en Liberia, cuyo presidente asistió al acto. EFE
photo_camera Cerimonia fúnebre polos nenos falecidos nun incendio en Liberia, cuxo presidente asistiu ao acto. EFE

Polo menos 28 nenos morreron en Liberia nun incendio rexistrado na madrugada do martes ao mércores no internado dunha escola musulmá situado nun suburbio da capital, Monrovia, segundo informaron a presidencia do país e a Cruz Vermella. As causas do lume están a ser investigadas, coa hipótese inicial de que se puido deber a un problema eléctrico. 

"As miñas oracións están coas familias dos nenos que morreron en Paynesville City como resultado dun lume letal no edificio da súa escola", escribiu o presidente liberiano, George Weah, na súa conta da rede social Twitter.

Os equipos de emerxencia conseguiron recuperar este mércores 28 corpos, de alumnos de entre 5 e 17 anos aínda por identificar. Ademais, os equipos de urxencia rescataron un número aínda descoñecido de superviventes da escola, que imparte educación primaria e secundaria.

"As miñas máis sinceras condolencias para as familias aflixidas e toda a comunidade islámica. Este é un momento difícil para as familias das vítimas e para toda Liberia", engadiu o presidente liberiano na súa mensaxe.

Comentarios