O fundador da ONG Open Arms, Óscar Camps, lanzou este sábado un chamamento desesperado para que Italia permita desembarcar aos 134 migrantes abordo do seu barco, ao non poder garantir a súa seguridade e ante o temor de que se produza un motín. Afirmou que tanto os rescatados como a tripulación están "secuestrados".
"A situación está fóra de control. Escapa á nosa capacidade", asegurou Camps nun vídeo feito desde unha lancha fronte ao buque Open Arms, que se atopa xunto ás costas da illa italiana de Lampedusa.
Sr @sanchezcastejon
— Oscar Camps (@campsoscar) August 17, 2019
Perdone que le moleste en sus vacaciones, pero somos ciudadanos españoles, víctimas de un secuestro, y no de piratas somalíes.@EFEnoticias @AP @Reuters @CNN pic.twitter.com/3IA83OYAHF
"A partir de hoxe non nos podemos sentir responsables nin garantir a seguridade das 134 persoas nin os 19 voluntarios da tripulación, que están secuestrados no Open Arms, porque xa é imposible manter a calma. En calquera momento desátase unha acción colectiva e non poderemos detela", advertiu.
O máximo responsable desta ONG española dixo que o venres comunicou esta situación ao presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, á chanceler alemá, Angela Merkel, ao presidente francés, Emmanuel Macron, e ao do Parlamento Europeo, David Sassoli, e a todas "as autoridades italianas".
"Hai cen modos de autolesionarse nun barco como o Open Arms e cen xeitos de suicidarse a bordo. Non temos xa a capacidade nin podemos detelos, nin moito menos estar a controlar a estas 134 persoas", engadiu. Por iso, esixiu "o cumprimento da resolución xudicial (italiana), que é en si un título suficiente non só para entrar en augas territoriais senón para a evacuación inmediata das persoas rescatadas e a prestación de asistencia inmediata". Insistiu en que os rescatados precisan asistencia "por necesidade extrema" e incluso os voluntarios da ONG e a tripulación, tras 16 días nunhas condicións infames abordo.
"Estamos a ser retidos nunhas condicións inaceptables, peor que delincuentes", dixo Camps, ademais de apelar ao xefe do Goberno español: "pedimos a Pedro Sánchez que protexa os dereitos dos cidadáns españois que teñen ao seu cargo a seguridade das persoas nun buque con pavillón español que está secuestrado en augas italianas".
O barco atópase xunto ás costas de Lampedusa desde hai dous días, sen que se autorizou o desembarco dos migrantes, mentres a tripulación denuncia o deterioración da situación a bordo. A situación a bordo é desesperada, mentres o líder ultradereitista e ministro do Interior, Matteo Salvini, segue nos seus trece de impedir o desembarco a pesar dos numerosos chamamentos.