Agader premia iniciativas destacadas de desenvolvemento rural

interior_premios_agader.jpg
photo_camera interior_premios_agader.jpg

A creación de ganderías de produción ecolóxica, a posta en marcha de novas oportunidades económicas e de emprego relacionadas coa actividade pesqueira e marítima e a transformación de castaña seca, entre outros programas, foron recoñecidos cos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural 2007.

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, presidiron no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense) a entrega destes galardóns, que nesta edición recaeron en Verín-Biocoop, Mardelira e Delicias do Souto.

Esta convocatoria, realizada anualmente a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), trata de incentivar e recoñecer as actuacións que fomentan a xeración dunha sociedade rural máis viva e cohesionada e que contribúen á conservación e dinamización da contorna rural, facendo dela un medio máis atractivo.

Regulamento
Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar o regulamento destes premios correspondente ao presente exercicio, que contempla un primeiro galardón dotado con 25.000 euros, o segundo con 14.000 euros e un terceiro con 6.000 euros. Así mesmo, inclúe o premio especial para proxectos impulsados por xente nova, cunha dotación en metálico de 15.000 euros.

O xurado da edición do ano 2007 –composto por representantes da administración e das universidades galegas– outorgoulle o primeiro premio a Biocoop polo traballo que vén realizando na creación de ganderías de produción ecolóxica, que permiten manter o territorio limpo e libre de lumes, fomentando o respecto polo medio ambiente, ofrecendo produtos de máxima calidade e xerando na gandeiro autoestima e satisfacción pola actividade que desempeña.

O segundo premio outorgóuselle á candidatura “Mardelira: mariñeiros con futuro”, por tratarse dunha iniciativa de desenvolvemento sostible que, mediante a creación de novas oportunidades económicas e de emprego relacionadas coa actividade pesqueira e marítima, xerou un importante dinamismo nunha comunidade moi dependente da pesca.

Na terceira categoría foi premiada a empresa situada no Courel “Delicias do Souto S.C.”, que se dedica á transformación de castaña seca, recuperando deste xeito unha forma de preparación deste produto que caera no abandono nos últimos anos, debido ao despoboamento e á desvalorización dos soutos e sequeiros.

Xente nova

Para rematar, o Premio Agader aos proxectos de dinamización do rural impulsados por xente nova recaeu en dúas candidaturas: “Cabras do Xurés”, pola importancia de desenvolver unha actividade económica nunha contorna rural onde a actividade empresarial practicamente non existe, a través da recuperación de antigos costumes e tradicións, e pola súa contribución á mellora do medio ambiente e ao desenvolvemento facendo un aproveitamento sostible do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés; e “Ecocelta Galicia Slne: xestión de residuos agrogandeiros a través da vermicompostaxe”, polo esforzo realizado na integración de procesos de innovación e novas tecnoloxías como parte activa da produción.

Comentarios