Augas de Mondariz, auga oficial do Xacobeo 2010

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o Director Xeral de Augas de Mondariz, Javier R. Losada, rubricaron hoxe en Mondariz un acordo de colaboración que converte a Augas de Mondariz na primeira empresa en asinar o patrocinio oficial do Xacobeo 2010. A través deste acordo, Augas de Mondariz pasa a ser a auga oficial de todos os actos que se desenvolvan ao longo de 2010 con motivo do Ano Santo compostelán.

Augas de Mondariz achegará 500.000 euros para o patrocinio do evento e comprométese a colaborar activamente na realización, promoción e difusión do Xacobeo vinculando a súa actividade comercial e a súa imaxe corporativa ao Xacobeo 2010. A empresa difundirá e promocionará o Xacobeo a través de distintos medios e soportes (botellas de vidro, envases PET, caixas, etiquetas, papel, packs, publicidade…) ao longo dos anos 2009 e 2010. Estímase que o valor desta difusión promocional suporá un investimento de máis de 12 millóns de euros. O logotipo do Xacobeo 2010 estará presente en todas as campañas de promoción da compañía e en todas as botellas distribuídas por Augas de Mondariz ata finais de 2010. O Director Xeral de Augas de Mondariz, Javier R. Losada, destacou que “para Augas de Mondariz, como empresa galega comprometida coa súa contorna, é unha honra ser a auga oficial do Xacobeo 2010 e ser a primeira compañía en asinar o patrocinio deste evento”. “Estamos seguros de que o Xacobeo será un elemento dinamizador da economía galega e queremos achegar o noso pequeno gran de area” afirmou. As accións promocionais levadas a cabo por Augas de Mondariz con motivo do Xacobeo 2010 permitirán que a imaxe do evento chegue aos 27 países nos que a compañía está presente. Esta mesma semana, Augas de Mondariz participará na Feira Internacional Africa's Big Seven, que se celebrará en Xoannesburgo, cunha caseta no que xa estará presente a imaxe do Xacobeo 2010.

Acerca de Augas de Mondariz Augas de Mondariz é unha compañía dedicada ao embotellado e comercialización de auga mineral natural. é líder do mercado no noroeste peninsular, está presente en 27 países de catro continentes e este ano prevé continuar ampliando a súa rede de distribución internacional. En 2008, a cifra de negocio de Augas de Mondariz superou os 20 millóns de euros e a súa actividade traduciuse na produción de 98 millóns de litros de auga embotellada, que foron comercializados en máis de 140 millóns de envases. O persoal medio de Augas de Mondariz é de 112 empregados directos, que se completan coa xeración de máis de 200 postos de traballo indirectos.

Comentarios