Augas de Mondariz quere expandirse por América

mondariz_col1.jpg
photo_camera mondariz_col1.jpg

A empresa española Augas de Mondariz, dedicada ao embotellado e comercialización de auga mineral, presentou a súa auga premium Elite by Mondariz na feira 'Cook Eat Drink Life', celebrada no Tunnel & A. Venue de Nova Iorque. Con esta actuación, a empresa quere ampliar a súa presenza no continente americano.

A auga premium da compañía presentouse en Nova Iorque da man do experto en augas Michael Mascha, responsable da firma FineWaters que cada ano elabora a guía das mellores augas embotelladas do mundo. Máis de 6.500 persoas pasaron polo pavillón desta compañía.

Elite by Mondariz é a marca de auga natural premium que Augas de Mondariz comercializa desde fai máis dun ano cunha produción limitada para establecementos de alta restauración.

Elite by Mondariz acaba de ser premiada en Bruxelas polo International Taste and Quality Institute como unha das mellores augas do mundo.

Actualmente, Augas de Mondariz dispón de acordos comerciais en Estados Unidos e noutros países americanos como República Dominicana, Porto Rico, Brasil, Panamá ou México. Ademais, a compañía está presente en 29 países de Europa, América, África e Asia. No ano 2008, alcanzou unha cifra de negocio de 20 millóns de euros, grazas á distribución de 98 millóns de litros de auga.

Comentarios