Álvaro Gantes, presente e futuro da cociña galega

O novo cociñeiro coruñés Álvaro Gantes está a deixar atrás o status de promesa dos fogóns para converterse xa nunha realidade e un dos máximos expoñentes do talento á hora de elaborar pratos.

Gantes, do restaurante Alborada na Coruña, será o representante de Galicia no XII Campionato de España de Cociñeiros 2009, tras obter o primeiro posto no X Campionato Galego de Cociñeiros, organizado polo Grupo Hostalería Galega e Turismo.

O Grupo HG&T convoca cada dous anos este campionato en Galicia, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Turismo da Xunta, a través dun convenio coa Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia.

No campionato gañado por Gantes, os expertos afirman que o nivel foi superior ao de anos anteriores, e ese salto de calidade supuxo un salto de calidade para o mozo gourmet que agora terá unha maior esixencia en todos os aspectos (calidade, sabor, elaboración, presentación...).

Marcelo Tejedor, Pepe Vieira, Xosé Cannas ou Héctor López son outros famosos nomes galegos que pasaron polo mesmo concurso que Álvaro Gantes antes de consagrarse. Un concurso, en definitiva, que é practicamente unha catapulta profesional que os novos cociñeiros teñen que saber aproveitar.

Comentarios