O BNG reclámalle á Fiscalía Anticorrupción que investigue ao Rei emérito 

A petición do partido nacionalista chega tras as revelacións de Corinna Sayn-Wittgenstein sobre as supostas irregularidades cometidas polo rei emérito

Luís Bará. SARA MOLDES
photo_camera Luís Bará. SARA MOLDES

O BNG solicitou que a Fiscalía Anticorrupción "interveña" ante as últimas noticias publicadas sobre o Rei emérito para investigar "posibles delitos de tráficos de influencias, branqueo de capitais e de evasión fiscal" ante as revelacións realizadas por Corinna Sayn-Wittgenstein sobre as supostas irregularidades cometidas por Juan Carlos I. 

Así, a formación nacionalista indica, a través dun comunicado emitido este venres, que as últimas informacións constitúen "unha nova proba do fracaso do réxime do 78" e certifican o "anacronismo" que supón a monarquía. 

"Estamos ante a constatación das relacións turbias entre as grandes empresas cos poderes do Estado, neste caso a monarquía, unha realidade que remite tamén aos pozos negros da Transición, que aínda está sen depurar no sistema político español", destacou o deputado Luís Bará. 

Nesta liña, tras incidir na situación de "inviolavilidade" da que, di, goza o rei emérito; Bará asegura que as relevaciones de Corinna Sayn-Wittgenstein reflicten "o carácter anacrónico, antidemocrático, clasista, machista e corrupto dunha institución como a monarquía". 

Así as cousas, apunta que no caso de que se probase a veracidade das informacións que recollen os medios nos últimos días, Juan Carlos I "non podería ser xulgado nin condenado", algo que, para a formación frontista, é máis propio "dun réxime medieval que dunha democracia do século XXI". 

Comentarios