Bo viño, mellor carne

Xabier Rúa (Foto cedida por Iván Piñeiro)
photo_camera Xabier Rúa (Foto cedida por Iván Piñeiro)

Está considerado como un dos 'templos' do tapeo en Compostela, non tanto por ter unha longa tradición (leva só tres anos funcionando) como pola calidade e orixinalidade da súa oferta, tanto de viños como de tapas e racións. Acaba de facer unha aposta forte de futuro, instalándose nun dos locais máis amplos do Ensache de Santiago. Case 400 metros cadrados divididos en dous andares: No superior, unha barra para o 'chateo'. Na inferior, unha completa viñoteca cunhas 800 referencias de caldos galegos, españois e do resto do mundo. Tintos, brancos, viños doces, cavas e champáns. A Viña de Xabi (Rúa San Pedro de Mezonzo, 5) é do máis variado que se pode atopar, falando de viño, na capital de Galicia.

O promotor da iniciativa é Xabier Rúa. Desde a súa experiencia no mundo da hostalaría, anima ao consumo de viños galegos e amósase optimista, malia a crise, porque segundo afirma 'aquí facemos moita vida na rúa e non imos deixar de ir de viños ou de xantar fóra''.

En relación coa mudanza para o novo local, no que apenas levan dous meses, Xabier advirte de que ''foi un cambio para mellor. Tiñamos unha certa prevención, algo de medo a que a xente non nos atopara nesta nova situación, pero non foi así. Estamos encantados. A nosa clientela é moi fiel. De feito, penso que os clientes son o mellor desta casa''.

Explica que a nova Viña de Xabi estrutúrase en tres apartados: a zona de tapeo, o comedor (con oito mesas) e a tenda de viños.

Sobre a completa oferta de variedades para a venda, advirte que priman as galegas, ''porque queremos potenciar o consumo da produción da terra. Temos moi bos viños e hai que evitar que a xente os deixe de lado e só consuma Rioja ou Ribera del Duero''.

Con respecto ao pulo que están a cobrar os tintos galegos, Xabi é concluinte: ''En Galicia estánse facendo verdadeiras obras de arte nesta clase de viños. O que me chama a atención é que teña que vir un 'gurú' norteamericano (Robert Parker) a dicirnos que son excepcionais para que a xente empece a demanda-los con máis forza''.

E, para reforzar a súa argumentación, conta unha anécdota: 'Pasoume un caso curioso co viño 'El Pecado', un tinto de Ribeira Sacra. Tíveno durante tres anos porque me gusta e non vendín nin unha botella. Agora ven un tal Robert Parker, dalle non sei cantos puntos na súa guía e xa non hai forma de conseguir este viño. A calidade está ahí, pero ás veces parécenos que o noso, por próximo e máis coñecido, non é o mellor. E así pensamos que é preferible beber un Rioja ou un Ribera... e hai tintos galegos que, se fixeramos catas a cegas, quedarían moi por riba dos doutras zonas máis afamadas''.

Ao falar dos brancos, Xabier Rúa advirte que 'aí xa estamos, dende sempre, na élite. Os nosos godellos, ribeiros, Rías Baixas ou Monterrei son dos mellores de España, pero non hai que confiarse. Temos que mellorar constantemente a calidade, porque hai zonas de produción emerxentes que nos poden comer mercado''. En todo caso, engade convencido, ''en Galicia estamos no mellorciño de España tanto en viños como en gastronomía en xeral''.

Para combatir a sempiterna crise, recomenda consumir viños económicos. Aconsella beber caldos ''de crise''. 'Non é preciso gastar cen euros para gozar dun bo viño. Hai botellas cun prezo de dez euros que están realmente ben''.

Oferta variopinta
Xabier Rúa define a oferta gastronómica da súa Viña como 'variopinta''. Segundo explica, 'temos desde racións tradicionais a pratos máis elaborados. En todo caso, as porcións son xenerosas, para que a xente poida compartir. A idea é que todos poidan probar un pouco de todo. Nese sentido, non somos como un restaurante tradicional, dos de primeiro prato, segundo e sobremesa. Queremos que os nosos clientes poidan gozar de diferentes propostas, sempre a un prezo razoable''.

Da carta destaca o queixo de San Simón á grella, pasado despois brevemente polo forno e regado con vinagreta de cirolas e noces. 'É un dos pratos que mellor saída ten'', asegura. Tamén, o follado de foie, con queixo de cabra, mazá e vinagreta de pasas, ou o entrecosto laminado con virutiñas de foie e os moi populares ovos de corral fritidos con patacas palla, xamón e chourizo, ou a 'gran variedade de tostas que ofrecemos''. 

Comentarios