Blog |

Case de todo

"Estes días lin un estraño libro de José María Castroviejo, 'La montaña herida'. Unha especie de novela sobre o maquis e a represión militar nos Ancares"

O LIBRO DO ano, El orden del día de Éric Vuillard, volve tratar sobre a II Guerra Mundial, ou máis ben, da sorpresa de como se chegou á II Guerra Mundial. O interese sobre esta época contrasta co desinterese do lectorado pola Guerra Civil. Cuestión de enfoque?


TACTO
Non é certo que a noveliña de Éric Vuillard, El orden del día (Tusquets, 2018) —que arrasa en toda canta feira do libro hai— relate tan só o proceso polo cal os grandes empresarios alemáns apoiaron o nazismo nas que serían as últimas eleccións da república de Weimar. En realidade, estas 144 páxinas comezan cos industriais, certo, pero rematan coa presión psicolóxica ao canciller austriaco Schuschnigg e o relato da anexión de Austria, sen eu advertir outro fío conector que as feblezas de carácter. Sabes que unha novela é boa cando miras para atrás ao rematala e non das visto o principio, e este é o caso. O principal logro —que non achado— de Vuillard é o xeito de debullar coas unllas rañando o negativo das fotos gubernamentais e a metraxe dos xuízos de Nüremberg.


OÍDO
El orden del día é unha novela iluminadora, brillante. Lembroume moito a Anatomía de un instante (Random House, 2009), de Javier Cercas, que explora a actitude de Adolfo Suárez, Gutiérrez Mellado e Santiago Carrillo durante o 23-F no Congreso. Teñen esa técnica de rebobinar e acelerar a proxección dos feitos da Historia a través dos lentes dunha ollada persoal. Se alguén precisase —que non debera- xustificar a utilidade da literatura, tería un bo argumento na capacidade de obras coma estas por penetrar trala tramoia enganosa dos feitos ata chegar a verdades esenciais. 


OLFACTO
Escribo desde a montesía Ávila, con estes montes cheos de penetrante romeu e tomiño. Aquí a figura de Adolfo Suárez é a máis celebrada despois de Santa Teresa. Mesmo acábase de abrir un hotel no seu chalé, chamado La Casa del Presidente (sic). O checkin faise no despacho onde pactou con Carrillo a legalización do PCE. No claustro da catedral xa non se recoñecen as tumbas dos coengos de outrora, pero si a de Adolfo Suárez e a súa muller. A el defíneno como Expresidente. Quedo pensando se ese ex era realmente necesario. O epitafio reza: A concordia foi posible. A poucos metros atópome outra tumba moderna: a de Claudio Sánchez Albornoz, o egrexio historiador, abulense de adopción. Pouca xente sabe que foi presidente da Segunda República no exilio durante oito anos. E velaí están: doulle voltas a que estas sexan as únicas tumbas recoñecibles no claustro catedralicio desta cidade pola que a chavalada nazi da Lexión Cóndor paseaba durante a Guerra Civil á caza de mozas e aventuras ibéricas. A materia literaria nace sempre do que nos custa comprender. 


VISTA
É que os camiños da reconciliación son inescrutables. Estes días lin un estraño libro de José María Castroviejo, La montaña herida (Espasa, 1981). Unha especie de novela sobre o maquis e a represión militar nos Ancares. Castroviejo rematouna no ano 1977 —dato fundamental— e lévame taladrando a cabeza quince días. El, escritor, cazador, amigo de Cunqueiro, marchou de voluntario requeté á Guerra Civil e abofé que non viviu incómodo durante a ditadura. Pero a novela compórtase con sorpresa. Aínda que comeza cuns guerrilleiros convertidos en bandoleiros, pouco a pouco o libro entra nunha espiral de violencia e terror, cun capitán franquista que comete todo tipo de brutalidades para rematar coa guerrilla e, ante algúns escrúpulos polos seus métodos, é confirmado polo Gran Jefe, que detén o seu coche para abrazalo á vista de todos na viaxe cara o seu destino vacacional. O sorprendente é o que pasa despois: Castroviejo abandona ese ton escuro e remata cun capítulo ao recordo das haxiografías medievais, no que San Froilán e San Atilano baixan do ceo, degustan viño de Chantada e polbo á feira durante as festas de Lugo e falan do mal que está o mundo. Castroviejo renunciou a rematar a súa novela e fíxonos un par de pases de ilusionismo literario pasado de moda. Pechei o libro, sen entender por que non quixo rematar con dignidade La Montaña Ferida, ata que crin entender algo nos dous sentimentos que transitaban por debaixo do texto: os remorsos e o medo.


GUSTO
Quería redactar este Seisentidos sobre a crise do libro galego, pero acabei tan aburrido de min mesmo á metade do artigo que desistín e volvín comezar. Por humanidade, decidín aforrarlles esta semana o trauma, pero non de todo. Por ir poñendo un boi diante do carro, un dos problemas da nosa literatura está en que non hai libros como El orden del día ou Anatomía de un instante. E non me refiro en realidade á calidade literaria, senón a ese medo a refugar no máis escuro do contemporáneo, a comprender, a dubidar. Algo parecido ao que lle pasou a Castroviejo. Na literatura cabe todo. O problema é cando nos falta case de todo.

Comentarios