Champivil comercializará marmeladas artesanais

A firma vilalbesa Champivil, que se dedica á venda de cogomelos e produtos en conserva, diversificará o seu mercado coa comercialización de marmeladas artesanais feitas con produtos silvestres. Aínda que xa empezaron a introducilas no mercado a pequena escala, prevén dar o salto ao gran comercio a partir de xaneiro, a través de distribuidoras, a venda en internet e a entrada nas grandes superficies.

«É un produto que está de moda aínda que ten unha longa tradición. Meus pais xa compraban amorodos e framboesas nos 80 e agora tratamos de recuperar ese mercado», explica a responsable da firma vilalbesa, Luz Divina Castelo, que asegura que polo momento a xente está a responder moi ben a este novo produto.

Realizarán dous tipos de marmeladas artesanais. Unhas con froitos e cogomelos, máis enfocadas a un mercado gourmet, e outras só de froita silvestre, pensadas para todo o público. Entre a lista, haberá érbedo con cogomelos silvestres, Boletus con framboesas e grosellas con cogomelos, ademais de marmelada de moura, de arando, de framboesa e de grosella.

«As cogomelos son un espesante natural e as que se fan só de froita quedan un pouco máis líquidas que as do supermercado», di a responsable de Champivil, que asegura que o seu produto ten menos azucre que as marmeladas que se comercializan xa preparadas. «Normalmente teñen entre un 60 e un 70% e a nosa leva só un 30%», explica.

As froitas cómpranas, como fan co resto dos produtos que comercializan, ao agricultor directamente. Na comarca, as framboesas e as mouras, os arandos e as grosellas na Fonsagrada, Monterroso e Lalín e os érbedos a Portugal e a Estremadura.

En total, esperan sacar ao mercado a partir de xaneiro uns 10.000 tarros de marmelada duns 4.000 quilos de produto, que venderán a un prezo que oscila entre os tres e os cinco euros. «Todo comercializarase en tarro de cristal», indica Luz Divina, que se iniciou neste mercado case de casualidade, nunha especie de experimento caseiro para preparar o cátering do bautizo do seu fillo.

A responsable de Champivil asegura que a tempada de outono dos cogomelos, que está a piques de terminar, foi bastante mala e as perspectivas para a campaña de inverno non son moito mellores. «Cogomelos hainas, non é por cantidade, pero a calidade non é boa, están infectadas de bicho», asegura, mentres indica que este ano recolleron uns 10.000 quilos cando o habitual era alcanzar as cen toneladas.

Comentarios