Cincuenta e seis bares e restaurantes darán tapas no Ribadeo de Tapeo

A oitava edición do Ribadeo de Tapeo contará con máis bares, mesóns e restaurantes participantes que o ano pasado, concretamente con 56 -a pasada edición participaron 51-, segundo deu onte a coñecer a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez.

A cita desenvolverase entre o 10 e o 19 de maio, aproveitando a festividade do Día das Letras Galegas e, dado o éxito de público obtido en anteriores edicións, os novos negocios que acaban de abrir na vila tamén quixeron sumarse á iniciativa.

«É a cita por excelencia de microcociña, que busca enxalzar e pór en valor vos produtos da terra, combinándoos co enxeño dos cociñeiros para facer unha mestura de cheiros, de sabores e de sensacións para os nosos padais», defendeu a concelleira do ramo.

CONCURSO

Por cada consumición, entregaráselle a cada cliente unha cartolina que deberá ir selando, segundo vaia consumindo en cada local participante, ata alcanzar un mínimo de degustacións que lle permitan concursar e obter varios premios.

«A información sobre os locais, o lugar onde están e as tapas vaise poder descargar ó teléfono móbil a través dunha aplicación de internet para terminais con sistemas IOS e Android», sinala Martínez. «Vaise poder baixar a través dos códigos QR que indicará cada local ou a través de internet», engade.

Comentarios