Comida na adega

A ESCARCHA seguía no chan dun día para outro. Un frío de inverno duro convertía en tortura a entrada de aire á boca para fumar un pitillo. Nada indicaba no terreo que houbese un espazo para sentar e xantar. Entramos á terra por un pequeno portalón ata alcanzar a pouca profundidade unha sala cálida, brasero incluído, onde demos conta de morcilla, embutidos varios e un cordeiro que se fixo no forno do pobo. Eran terras de Burgos, na Ribeira do Douro. Máis aló daquela sala de terra e roca seguía un túnel para chegar ao espazo de adega máis profundo, onde se conserva o viño. Foi esta, con xornalista como anfitrión e xornalistas invitados, unha das mellores comidas nunha adega gañada á terra, que ao exterior apenas mostra o acceso. é unha experiencia, talvez axudada polo viño, os licores e a calor, que fai que un recorde que Thomas Merton tivese a súa cova no bosque do mosteiro de Getsemaní (Kentucky) para avanzar polos camiños da plenitude.

En Colores de Rueda, ao pé da autovía A-6, comemos estupendamente ben nunha adega. Luz e materiais da modernidade. Ningunha relación garda co principio orixinario que sentimos en Burgos ou co logro da estética da cálida fusión acolledora e intimista, coa contorna de bosque celta, que se experimenta no restaurante da Adega Algueira, na Ribeira Sacra. Tamén esta de o Sil e o Miño é terra de silencios e mosteiros. Camiño á plenitude.

Colores de Rueda está no quilómetro 172 da A-6. Cálido, acolledor, moderno. Un edificio e unha sala que, para entendernos, ten personalidade de arquitecto e/ou deseñador. O restaurante pertence á adega Prado Rei. Excelentes viños de Rueda e da Ribeira. é unha opción, se un viaxa sen présas, para comer na estrada. Digo o de présa pola experiencia propia: bo servizo pero ao seu ritmo.

A carta oferta loxicamente o lechazo e o cochinillo; boa carne (solombo ou entrecot) e un magret de pato que non me pareceu o máis aconsellable. Para empezar hai boa variedade de ibéricos, morcilla de Burgos, diversas ensaladas e unha "parrillada de verduras á prancha", que a imos a colocar na mesma valoración que lle demos ao magret. Quedamos cos embutidos, o xamón e co mid cuit de foie. A nosa preferencia finalmente foise coas chuletillas de lechazo á brasa e co solombo á grella. E plenamente satisfeitos coas entradas e a calidade das sobremesas. Como penso volver, corrixirei a opinión se é necesario.

Paréceme acertada a opción de parada na adega para sentar con toda dignidade á mesa e en lugar coidado para acoller ao viaxeiro. Na entrada hai unha tenda cunha ampla oferta de viños, aceites e outros produtos da casa. Interesante polos prezos. E séguelle unha sala para degustar tranquilamente un viño.

Comentarios